O PPdeG pon en valor a declaración do Camiño Miñoto Ribeiro como Itinerario Cultural de Interese Autonómico

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Os deputados autonómicos do PPdeG, Cristina Campero e José Luis Ferro, puxeron en valor a declaración dos Camiños de San Rosendo e Miñoto Ribeiro como Itinerarios Culturais de Interese Autonómico. Durante a súa visita ao trazado do Camiño de San Rosendo ao seu paso por Celanova, os parlamentarios populares informaron de que esta iniciativa impulsada pola Xunta permitirá impulsar estas rutas históricas e patrimoniais, máis aló do Camiño de Santiago.

Neste senso, José Luis Ferro salientou que “esta declaración supón un acto de xustiza coa nosa historia e co legado espiritual, cultural e social de San Rosendo, unha das figuras máis relevantes da Galicia medieval, profundamente vencellada a esta comarca”. Así, destacou que este novo status permitirá reforzar a súa protección, sinalización e promoción, abrindo novas oportunidades para o territorio. Durante a xornada, os parlamentarios mantiveron un encontro con alcaldes e representantes municipais dos concellos de Celanova, Bande, Lobeira e Lobios, municipios polos que discorre esta ruta.

Do Camiño Miñoto Ribeiro incidiron no seu gran legado histórico, vinculado ao patrimonio, á natureza, ao termalismo e á viticultura. Neste senso, Cristina Campero referiuse ao impacto positivo deste recoñecemento no desenvolvemento local: “Falamos dunha oportunidade real para impulsar un turismo sostible, á vez que se apoia á hostalería, ás casas rurais, aos guías turísticos e aos pequenos produtores, co fin de contribuír á dinamización económica do rural desde o respecto á nosa identidade”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O encontro serviu, tamén, para que deputados autonómicos e representantes municipais analizaran actuacións para avanzar na posta en valor do itinerario, como a mellora da sinalización, a creación de materiais divulgativos, a coordinación entre administracións e o acceso ás futuras liñas de axudas que o Goberno galego habilitará para consolidar estes novos itinerarios culturais.

Ambos os dous deputados coincidiron en sinalar que esta nova figura permitirá “unir o territorio desde a cultura e a historia”, fortalecendo a identidade das comarcas polas que discorren, tanto o Camiño Ribeiro Miñoto como o de San Rosendo, ofrecendo aos visitantes unha experiencia que combine natureza, patrimonio e espiritualidade.

A visita concluíu cun chamamento a continuar traballando de maneira coordinada entre Xunta, concellos e tecido asociativo para que o recoñecemento institucional destes camiños se traduza en accións concretas, visibles e beneficiosas para a veciñanza deste territorio.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------