A Sociedad Española de Médicos Generales y de Familia (SEMG) celebrará os próximos 27 e 28 de febreiro en Ribadavia a Xornada de Medicina Rural+, unha cita que nace con vocación de continuidade e aspira a consolidarse como punto de encontro anual para o impulso da Atención Primaria. Malia que o aforo previsto inicialmente contemplaba 100 prazas presenciais, este foise aumentando ata chegar aos 200 participantes, dada a alta demanda rexistrada. Uns asistentes presenciais aos que hai que sumar todos os inscritos para asistir de maneira telemática.
Nun contexto de envellecemento poboacional e dispersión territorial, a Medicina Rural convértese nun piar estratéxico para garantir a equidade no acceso sanitario. En España, a proporción de poboación que vive en zonas rurais é significativamente menor que en décadas pasadas. Segundo estimacións internacionais baseadas en datos do Banco Mundial e da ONU, en 2024 aproximadamente o 18 % da poboación española vive en áreas rurais —persoas que residen fóra dos grandes centros urbanos—, unha porcentaxe que foi descendendo co tempo, malia que estas áreas ocupan a maior parte do territorio estatal. En Galicia, segundo o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, arredor do 23,7% da poboación reside en zonas non urbanas. Precisamente esta realidade levou á SEMG a fixar a súa ollada en Galicia para o desenvolvemento desta primeira Xornada de Medicina Rural.
A presidenta da SEMG, Pilar Rodríguez Ledo, destaca que esta cita responde a unha necesidade histórica: “a creación dun espazo específico para a medicina rural responde a unha necesidade longamente sentida polos profesionais”. Nun momento de “punto de inflexión” para o sistema sanitario, subliña que “o sistema necesita repensarse desde a sustentabilidade, a equidade e a proximidade ás persoas”.
A elección de Ribadavia como sede reforza a mensaxe do encontro. “O feito de celebrar esta xornada en Ribadavia é unha declaración de intencións”, sinala Rodríguez Ledo, quen reivindica o rural “non como periferia, senón como un espazo capaz de liderar reflexión e propostas”. Unha visión que comparte o alcalde da vila, César Fernández, para quen “é unha honra que Ribadavia acolla un foro estatal que sitúa o rural no centro do debate sanitario e recoñece o papel dos concellos na defensa dunha Atención Primaria forte e próxima”.
O rexedor subliña que “garantir servizos sanitarios de calidade no rural é tamén garantir igualdade de oportunidades”, e lembra que os municipios como Ribadavia coñecen “de primeira man os retos do envellecemento e da dispersión, pero tamén o potencial dunha comunidade cohesionada e implicada”. Neste sentido, amósase convencido de que a xornada servirá “para construír propostas realistas e ambiciosas que aseguren futuro para a sanidade pública no territorio”.
Rodríguez Ledo remarca que o encontro busca “pasar da queixa á proposta” e reivindica o valor diferencial do modelo rural: “A medicina rural non debe entenderse como un modelo do pasado, senón como unha referencia para o futuro”. Nesta liña, lanza unha das mensaxes centrais da Xornada: “Desde o medio rural pódese e débese investigar e innovar”.
O programa desenvolverase ao longo de dúas xornadas. O venres pola tarde, baixo o lema “Raíces locais: Rural desde o próximo”, celebrarase a apertura institucional con autoridades locais, Deputación de Ourense, Consellería de Sanidade e representantes da SEMG e RURAL+. A continuación, a mesa “Medicina Rural e Territorio” abordará o papel do municipio, as infraestruturas, a equidade e a identidade rural. A xornada continuará cunha mesa de experiencias profesionais —Medicina de Familia, Enfermaría, residentes e proxectos comunitarios— e finalizará coa presentación de proxectos RURAL+ en investigación, docencia, asistencia, telemedicina e innovación social.
O sábado pola mañá, co lema “Horizontes rurais”, unha mesa estratéxica analizará o futuro da Medicina Rural desde a docencia, a intelixencia artificial, a sustentabilidade comunitaria, a visión dos mozos médicos, a investigación e a ética. Tamén se presentarán e analizarán con maior profundidade os resultados da Enquisa de Medicina Rural da SEMG.
O principal legado do encontro será a construción participativa do Decálogo RURAL+, un documento estratéxico que recollerá propostas concretas para fortalecer a formación, a retención de profesionais, a innovación organizativa e a colaboración coa comunidade. A SEMG prevé que este Decálogo sirva como folla de ruta para futuras políticas sanitarias no medio rural. A Xornada pecharase coa lectura preliminar das súas liñas principais e cun compromiso final co futuro da Atención Primaria rural.
A Xornada RURAL+ nace coa vontade de situar a Medicina Rural no centro do debate sanitario, non como excepción, senón como modelo inspirador de proximidade, integralidade e compromiso coas persoas. Desde Ribadavia lanzarase unha mensaxe clara: o futuro da Atención Primaria tamén se escribe desde o territorio, con profesionais implicados, institucións comprometidas e comunidades activas que entenden a saúde como un proxecto compartido.

















