O Carballiño xa conta cunha bandeira ‘Sendeiro Azul’ en recoñecemento pola sustentabilidade ambiental

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Deputación de Ourense celebrou hoxe o acto de izado da bandeira Sendeiro Azul, un recoñecemento que consolida a aposta da institución provincial pola sustentabilidade ambiental, o turismo responsable e a cohesión territorial. O acto comezou cun percorrido polo renovado sendeiro do río Arenteiro, na contorna do núcleo da Toscaña, e logo trasladouse ao espazo natural do Gran Balneario. Alí, o presidente da Deputación, Luis Menor, asinou cos alcaldes do Carballiño, Ribadavia, A Arnoia, Cenlle e Lobios os convenios de colaboración entre a institución provincial e os respectivos concellos, co obxectivo de garantir a conservación, mellora e promoción destes itinerarios naturais.

Posteriormente realizouse a entrega das bandeiras aos cinco rexedores e o izado da correspondente ao Carballiño, a cargo do presidente provincial, Luis Menor e o alcalde eventual da vila do Arenteiro, José Castro, que estivo acompañado polas concelleiras de Medio Ambiente e Termalismo, Elvira Torres; Educación, Lorena Castro; Comercio e Emprego, Diana González; Turismo, Manuel Dacal, e Cultura, Diego Fernández. Tamén acudíu á cita o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

A provincia de Ourense suma así cinco novos distintivos Sendeiro Azul nas contornas termais de Arnoia, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Ribadavia, que se engaden ao xa existente na Serra do Invernadoiro, elevando a seis o número total de recoñecementos na provincia. Durante a súa intervención, o presidente provincial destacou que estes recoñecementos “representan moito máis que unha distinción ambiental, xa que reflicten unha forma de entender o territorio baseada na sustentabilidade, a saúde e o benestar da cidadanía”. Luis Menor subliñou tamén a importancia da cooperación institucional e o compromiso dos concellos implicados para acadar este fito.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Un dos aspectos máis relevantes desta iniciativa é que o mantemento destes sendeiros será realizado a través dun centro especial de emprego de persoas con discapacidade intelectual, reforzando así o compromiso social da Deputación e integrando nun mesmo proxecto sustentabilidade ambiental, inclusión social e desenvolvemento territorial. O presidente provincial sinalou ademais que estes sendeiros vinculados ás contornas termais contribúen a reforzar a identidade de Ourense como provincia termal e saudable, favorecendo ao mesmo tempo o turismo sostible e a dinamización económica do territorio.

Menor destacou tamén o papel da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) na promoción destes distintivos, así como o traballo técnico e institucional que permitiu consolidar esta iniciativa. Precisamente, agradeceulle o seu labor ao presidente da ADEAC presente hoxe no acto de izado, José Palacios Aguilar.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Con este acto, a Deputación reafirma a súa aposta por políticas útiles e comprometidas que combinen a protección do medio natural, a mellora da calidade de vida da cidadanía e a xeración de oportunidades laborais, consolidando a Ourense como un referente en sustentabilidade, inclusión e desenvolvemento territorial.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------