A Casa Artesanía de Galicia de Ribadavia será o escenario, do 10 ao 12 de abril, dunha nova edición dos ‘Días Europeos da Artesanía’, unha iniciativa que busca achegar o público ao traballo artesanal a través de experiencias prácticas e participativas. Durante tres xornadas, as persoas asistentes poderán participar en distintos obradoiros gratuítos centrados en técnicas tradicionais e creativas como a elaboración de sanandresiños, o traballo en coiro e os arranxos florais. Todas as actividades requiren inscrición previa a través da web da Fundación Pública Artesanía de Galicia.
A programación comezará o venres 10 de abril cun dobre obradoiro de elaboración de sanandresiños, impartido por Jorge Bellón (Tenda Fina), con sesións en horario de mañá e tarde. O sábado 11 de abril terá lugar un obradoiro de “charm floral” en coiro, da man da artesá Antonina Kadyrova, no que se explorarán as posibilidades creativas deste material. Xa o domingo 12 de abril, a programación pecharase con dous obradoiros de arranxos florais con flores secas e preservadas, impartidos por olueis_la_vie_en_fleur, tamén en quendas de mañá e tarde.
As actividades desenvolveranse na Casa Artesanía de Galicia (Rúa Banda da Lira, 2; 1º andar), en Ribadavia, e están abertas ao público ata completar aforo. Os Días Europeos da Artesanía constitúen unha oportunidade única para coñecer de preto o valor do feito a man, fomentar o interese pola artesanía contemporánea e poñer en valor o talento dos profesionais do sector en Galicia.
















