----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A 63ª Feira do Viño do Ribeiro celebrarase do 1 ao 3 de maio en Ribadavia cun programa que combina tradición, promoción vitivinícola e novas propostas culturais, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario enogastronómico galego.

A presentación oficial tivo lugar este xoves no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, coa participación da presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Concepción Iglesias Pousa, e do alcalde de Ribadavia, César Fernández.

Un dos anuncios centrais do acto foi o nomeamento de Xosé Carlos Sierra como pregoeiro desta edición, unha decisión coa que o Concello e o Consello Regulador queren recoñecer unha traxectoria clave na posta en valor da cultura vitivinícola galega.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, explicou que a elección responde á vontade de “homenaxear a unha persoa que leva toda a súa vida vinculada ao viño e á súa divulgación”. Neste sentido, destacou o seu papel como director durante anos do Museo Etnolóxico de Ribadavia e como un dos impulsores do actual Museo do Viño de Galicia.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

“Estamos ante alguén que non só traballou por Ribadavia, senón por toda a denominación de orixe Ribeiro, contribuíndo a dignificar e dar visibilidade ao noso sector”, sinalou o rexedor, quen engadiu que esta edición “era o momento adecuado para recoñecer publicamente esa traxectoria e ese compromiso co territorio”.

Un evento histórico e motor da comarca

César Fernández puxo en valor o peso histórico da feira, “a máis antiga da provincia, con 63 anos celebrándose de maneira ininterrompida”, e subliñou o seu papel como escaparate do sector: “É o evento que utilizamos para poñer en valor o noso produto estrela, o viño, motor económico da comarca e elemento clave que nos define como territorio”.

Pola súa banda, Concepción Iglesias convidou á participación activa do público, especialmente na cata popular: “É moi importante que a xente acuda, porque así podemos premiar os mellores viños e amosar a calidade do Ribeiro”.

A feira contará coa participación de 29 adegas e colleiteiros – cifra lixeiramente superior á da anterior edición – que ofrecerán unha mostra representativa da diversidade e calidade da Denominación de Orixe Ribeiro. Unha cifra que, como destacou a organización, responde tamén ás limitacións de espazo, nunha D.O. que conta con máis de 90 operadores.

Novidades: artesanía e accesibilidade

Entre as principais novidades desta edición destaca a posta en marcha da I Feira de Artesanía, que se desenvolverá na Praza Maior e que ampliará a oferta cultural da cita.

O alcalde, César Fernández, explicou que esta iniciativa busca “engadirlle un novo valor á Feira do Viño e ofrecer máis razóns para achegarse a Ribadavia durante eses días”, integrando tamén o tecido creativo e artesanal no evento. “Queremos que quen nos visite poida desfrutar non só do viño, senón tamén do noso patrimonio, da nosa paisaxe e do traballo dos artesáns e artesás”, sinalou.

Ademais, a organización reforza o seu compromiso social cunha feira máis inclusiva, incorporando interpretación en lingua de signos en distintas actividades.

Neste sentido, Fernández destacou que “é fundamental avanzar cara a eventos máis accesibles”, e subliñou que esta medida permitirá que persoas xordas “poidan participar e desfrutar plenamente da feira”. “Cantas máis persoas poidan acceder á cultura e ao lecer en igualdade de condicións, mellor”, engadiu.

A programación manterá a súa aposta por un modelo enoturístico de calidade, con catas, showcookings e actividades divulgativas arredor do viño.

O rexedor incidiu en que a feira está pensada como “un evento enoturístico de primeiro nivel”, no que o viño actúa como eixo vertebrador dunha experiencia máis ampla. “Non se trata só de probar viño, senón de vivir o Ribeiro: coñecer o territorio, a súa gastronomía, a súa cultura e o traballo que hai detrás de cada botella”, apuntou.

Neste marco, a cata popular volverá ser un dos grandes atractivos, permitindo ao público valorar os viños participantes e contribuír á elección dos mellores da edición, cuxos premios se entregarán o domingo.

Programa completo

Venres 1 de maio
Horario do recinto: 12:00h – 00:00h

  • 11:30h – Recepción de autoridades no Concello de Ribadavia, acompañados pola Banda A Lira ata o Castelo dos Condes (actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense).
  • 12:00h – Inauguración oficial e pregón (accesible con linguaxe de signos).
  • 16:00h a 21:00h – Cata Popular (7 €). Local Social da Madalena.
  • 17:30h – Obradoiro de cociña (5 €), con Rocío Garrido (A Cociña do Meu Avó).
  • 19:30h – Presentación do IES O Ribeiro (de balde).
  • 23:30h – Actuación musical: Mambas Negras (“Tarantino Experience”).

Sábado 2 de maio
Horario do recinto: 11:00h – 00:00h

  • 12:30h – Gaiteiros Castrodeallo (Praza Maior e recinto feiral).
  • 12:00h a 14:00h / 16:00h a 21:00h – Cata Popular (7 €).
  • 12:30h – Obradoiro de cociña (5 €), con Iria Espinosa (Árbore da Veira, 1* Michelin) e Marta Cortizas.
  • 17:30h – Cata comentada das adegas (5 €), con Marta Cortizas.
  • 19:30h – Obradoiro de cociña (5 €), con Marco Varela (Sábrego, 1 Sol Repsol) e Marta Cortizas.
  • 23:30h – Actuación musical: The Bigüis.

Domingo 3 de maio
Horario do recinto: 11:00h – 22:00h

  • 12:30h – Obradoiro de cociña (5 €), con Alberto Fernández (Pallabarro) e Isabel Lozano.
  • 14:00h – Entrega de premios da Cata Popular.
  • 17:30h – Cata comentada das adegas (5 €), con Isabel Lozano.
  • 19:30h – Obradoiro de cociña (5 €), Talentos by Abril con Isabel Lozano.
PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------