O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Castrelo de Miño para, acompañado do seu alcalde, Avelino Pazos, visitar a adega ‘Casal do Canteiro’, unha das 81 persoas viticultoras e bodegas beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro da orde de 2025 para apoiar a reestruturación e reconversión da viña en Galicia, nas que a Xunta destinou na provincia de Ourense máis de 1,3 millóns de euros.
O delegado territorial aproveitou a súa estadía nesta adega, pertencente á Denominación de Orixe Ribeiro, para lembrar a publicación no Diario Oficial de Galicia da nova convocatoria da Xunta pola que se convocan as axudas deste ano para operacións encamiñadas á reimplantación de viñedo, á reconversión varietal ou á mellora das técnicas de xestión das viñas. O prazo de presentación de solicitudes desta orde, que conta cun orzamento de 4 millóns de euros distribuídos en 2,7 millóns para o ano 2026 e os 1,3 millóns restantes para 2027, estará aberto ata o vindeiro 27 de abril.
Durante o percorrido polas instalacións, Manuel Pardo recalcou que esta iniciativa do Goberno galego é unha ferramenta estratéxica para a nosa provincia, xa que estas achegas baséanse na reconversión varietal, para que aquelas explotacións con viñas antigas poidan substituílas por variedades autóctonas, máis resistentes ás condicións climáticas e que produzan viños de maior calidade, aproveitando así a gran vantaxe competitiva que supón a súa diferenciación nun mercado cada vez máis globalizado.
Nesta liña, sinalou que a través desta medida búscase incrementar a competitividade das explotacións vitícolas, adaptar o cultivo do viñedo ao cambio climático e facelo ambientalmente máis sustentable. Así mesmo, recalcou que con estas axudas, tamén se pretende perfeccionar o cultivo da vide en Galicia para reducir custos e orientarse mellor aos diferentes mercados, potenciando o grao de profesionalización cos conseguintes beneficios económicos para este tipo de explotacións, ao tempo que se promove a remuda xeracional.
Requisitos da convocatoria
O representante do Goberno galego concretou que a superficie total reestruturada ou reconvertida deberá ser como mínimo de 0,2 hectáreas para aquelas solicitudes que se presenten de forma individual. Mentres tanto, para aquelas que sexan solicitadas de xeito colectivo, dita superficie será de 1 hectárea. Neste sentido, as solicitudes individuais que formen parte dunha presentación colectiva terán que ter, como mínimo, 0,2 hectáreas. En todo caso, a superficie máxima elixible será de 5 hectáreas por persoa viticultora.
Tamén detallou que a axuda á reestruturación e reconversión só poderá concederse para operacións relacionadas con replantacións con ou sen sistema de condución; para a reconversión de viñedos por cambios de variedade (sobreenxertado) ou para a mellora de técnicas de xestión; así como para a replantación de viñedos cando sexa necesario por motivos fitosanitarios por orde da autoridade competente.
Axudas ao sector
O delegado territorial subliñou que estas axudas compleméntanse co resto de liñas executadas polo Goberno autonómico para impulsar este sector, consolidado como un dos piares da economía galega, para as que o orzamento ascende ata aos 12 millóns de euros anuais. Neste sentido, destacou que as partidas para financiar a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas ou a súa promoción en mercados de terceiros países. Do mesmo xeito, salientou os apoios para a conservación da contorna paisaxística da Ribeira Sacra; así como para facilitar a actividade dos consellos reguladores ou impulsar programas de calidade.









