A nova asociación cultural Monxes do Tentáculo creada no Carballiño fará a súa presentación programática os vindeiros días 1 e 3 de maio, venres e domingo, no Auditorio Manuel María, cunha proposta lúdica totalmente aberta á veciñanza en xeral, na que os xogos de mesa, o cómic e o coleccionismo cobrarán o seu protagonismo.
Os directivos desta nova entidade Diego Rodríguez Touriño e Antonio Fernández Godás, presidente e vicepresidente, respectivamente, acompañados polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, explicaron esta mañá na Casa do Concello as orixes, contidos e obxectivos do colectivo. O edil agradeceu a iniciativa e manifestou “o noso compromiso con eles de traballar de xeito conxunto con eles dende o Concello do Carballiño”.
Touriño apuntou que a denominación ‘Monxes do Tentáculo’ está vencellada ao polbo do Carballiño e as monxes de Oseira como promotores da traída do cefalópodo a estas terras, e que a asociación, cunha vintena de compoñentes, “é un grupo amplo que leva décadas nesta temática de xogos de mesa e rol e que agora queremos difundir ao resto da cidadanía”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Así, o Auditorio carballiñés, os vindeiros venres 1 e o domingo 3, acollerá a actividade “Días de dados e historias”, con xogos de mesa e rol e TCG, exposicións de figuras de colección, cómics e literatura, a partir das 17,00 horas. Ademais, nas dúas xornadas proxectarase, ás 19,30 horas e en colaboración co Cine Club, a película “Dagon”, da que Toni Godás lembrou está baseada nun relato de H.P. Lovecraft e que foi rodada no municipio pontevedrés de Combarro.
“Dúas xornadas para compartir actividades lúdicas, pasar un rato entretido e descubrir novas experiencias, ademais de fortalecer os lazos comunitarios”, concluíu Diego Touriño.

















