Espazo Común demanda a elaboración dun plan para a dinamización do pequeno comercio no Carballiño

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O grupo municipal de Espazo Común vén de presentar unha moción na que solicita do Concello do Carballiño a elaboración dun plan de dinamización comercial que se poida por en marcha dende xa, e que permita dar un novo pulo a un sector tan fundamental para a nosa economía como é o do pequeno comercio.

Lembran que “o comercio é históricamente un dos sectores máis importantes da economía do Carballiño. Tanto é así, que a maioría dos estudosos situan os comezos do propio pobo nunha encrucillada de camiños na que tiña lugar unha feira. Arredor dela foi medrando todo o que hoxe coñecemos e os pequenos empresarios e emprendedores nunca deixaron, ao longo dos séculos, de ter unha presencia fundamental no crecemento que foi experimentando esta vila e toda a súa comarca”.

Pero, apuntan que “sen embargo, na actualidade, o pequeno comercio está a pasar un momento excepcionalmente delicado. A competencia das plataformas dixitais, a fuga de gasto cara ás grandes superficies e outros problemas máis locais como a escaseza de aparcamento ou a perda e envellecemento da poboación , fan que tódolos que forman parte deste sector, dun xeito ou doutro, vexan o futuro con moita preocupación”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ao respecto, dende Espazo Común consideran que “o Concello non pode dar as costas á súa historia e deixar esmorecer os nosos comercios sen facer nada. Un pobo sen tendas, sen luces nos escaparates, sen movemento de compras, é un pobo morto. Sabendo do dificultoso do obxectivo, sí hai modelos exitosos de lugares que conseguiron dar pulo a todo o sector e animar aos seus veciños e aos da contorna a mercar no propio pobo. As vantaxes son moitas e aínda que non se pode competir en todo, sí que cómpre poñelas en valor para que a xente as coñeza”.

Por iso, dende Espazo Común pensan que se fai necesario a elaboración dun Plan de Dinamización Comercial: un estudo que analice de xeito eficiente as fortalezas e debilidades do tecido económico local, facendo fincapé na situación das pequenas tendas. “Un traballo que debera levar a que tódalas partes implicadas coñezan de primeira mán tódalas accións a acometer, comezando por este Concello e que sirva de punta de lanza para garantir a viabilidade dese eixo fundamental para o futuro do Carballiño”, conclúen.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------