O BNG non asistirá á cerimonia do Premio Celanova en protesta polo uso político do galardón

– O BNG de Celanova non asistirá a cerimonia do Premio Celanova Casa dos Poetas despois de ter manifestado publicamente e en sesión plenaria a súa protesta polo uso político do galardón, co que se intenta tapar a nefasta xestión de Xunta de Galiza e do Concello de Celanova durante a crise da covid na Residencia San Carlos de Celanova.

Publicidade

O BNG ten solicitado do Alcalde, que é presidente da Fundación Curros Enríquez en calidade de alcalde, a acta do fallo do xurado para coñecer que membros do padroado asistiron á deliberación e se institucións como a RAG, o Consello da Cultura Galega e as tres Universidades do país, así como personalidades como Xosé Luis Méndez Ferrín participaron da mesma e avalaron a decisión.

A finais do pasado mes de xuño, cando se fixo público o fallo, e na sesión plenaria de xullo, o BNG manifestou a súa protesta pola concesión do premio á Residencia San Carlos, singularizándoo nunha suposta “comunidade” -que incluiría usuarias, familias de usuarias, xestores e traballadoras- distinguida para compensar de maneira simbólica o seu sufrimento por un xurado no que figuran cargos e ex cargos do Partido Popular (entre eles os ex alcaldes Mouriño e Ferro, e o presidente da Deputación, Baltar fillo) e o propio alcalde de Celanova, Antonio Puga, responsábeis do que aconteceu pola súa inacción e abandono desas mesmas usuarias, familias e traballadoras durante a crise sanitaria e durante os meses posteriores.

“O xurado de políticos agasalla ás vítimas dunha inaceptábel actuación deses mesmos políticos que,  a través do premio e a cerimonia do premio, tratan de lavar a cara diante da sociedade celanovesa e das familias e das traballadoras. Mais non todas tragan. E o BNG tampouco. Seguiremos insistindo en que nesta, como noutras residencias do país, ten que haber unha investigación que determine responsabilidades”, explica o portavoz nacionalista Leopoldo Rodríguez.