Xose Manuel Puga: “Non hai futuro para o interior de Galiza sen estradas dignas que garantan a conexión real entre comarcas e freen o despoboamento”
Ourense 30 de abril de 2026. O grupo provincial do Bloque Nacionalista Galego (BNG) na Deputación de Ourense vén de acadar unha importante vitoria política coa aprobación no pleno da súa moción para demandar o arranxo integral das estradas OU-0701 (Ponte Cabalar-Vilariño de Conso) e OU-0908 (Viana do Bolo-Vilariño de Conso).
A iniciativa, defendida polo deputado provincial Xosé Manuel Puga, saíu adiante co apoio do conxunto da corporación, o que supón, en palabras do propio grupo nacionalista, “un paso decisivo para garantir unhas comunicacións dignas nas comarcas do interior e frear o abandono histórico que sofre a veciñanza destas zonas”.
Na defensa da moción, Xosé Manuel Puga puxo o foco na importancia estratéxica destas vías para a vertebración territorial e para o mantemento da actividade social e económica en concellos especialmente afectados polo despoboamento, como Vilariño de Conso, Viana do Bolo, Manzaneda ou A Pobra de Trives. “Non se pode falar de igualdade entre o rural e o urbano mentres existan estradas en condicións lamentables que dificultan a vida diaria da veciñanza”, sinalou.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O BNG denunciou o estado actual destas infraestruturas, con firmes deteriorados, presenza de numerosas fochancas, tramos sen asfaltar malia seren ampliados e curvas perigosas que comprometen a seguridade viaria. Así mesmo, criticou as actuacións puntuais e insuficientes realizadas até o momento, cualificándoas de “parches sen planificación que non solucionan o problema de fondo”.
Grazas á iniciativa nacionalista, o pleno da Deputación acordou a elaboración dun plan integral de actuación que contemple a renovación completa do trazado e do firme destas estradas, incluíndo tamén a mellora das zonas máis perigosas e a adecuación dos tramos ampliados. Este plan deberá executarse nun prazo máximo de tres anos, como sinalaban os puntos de acordo da propia moción.
Do mesmo xeito, aprobouse reclamar ao Goberno central e á Xunta de Galiza a colaboración económica necesaria para garantir o financiamento destas actuacións, unha demanda que o BNG considera “imprescindible para que as administracións locais poidan facer fronte ás súas competencias sen verse afogadas pola falta de recursos”.
O grupo provincial do BNG cualifica esta aprobación como “un logro colectivo da veciñanza das comarcas afectadas” e comprométese a facer un seguimento exhaustivo do cumprimento dos acordos para que “non queden en papel mollado e se traduzan en melloras reais e palpables no día a día da xente”.
















