A 63ª Feira do Viño do Ribeiro abriu oficialmente este venres as súas portas en Ribadavia cun acto inaugural que puxo en valor a historia, a calidade e a capacidade de innovación que definen tanto esta cita como os viños da Denominación de Orixe Ribeiro. O acto contou coas intervencións da conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez; o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; a presidenta do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, Concepción Iglesias; o pregoeiro desta edición, Xosé Carlos Sierra; e o alcalde de Ribadavia, César Fernández.

O pregoeiro, Xosé Carlos Sierra, que fora director do Museo Etnolóxico de Ribadavia, realizou un percorrido pola historia desta cita, unha das máis antigas de Galicia, destacando a súa evolución ao longo das décadas. Ademais, tivo tamén palabras de lembranza para Xesús Alonso Montero, figura fundamental da cultura galega falecida este ano e con raíces familiares en Ribadavia, nun discurso marcado polo valor da memoria e da identidade do territorio.
Un sector que combina tradición e vangarda
Durante as intervencións institucionais, os distintos representantes coincidiron en subliñar a calidade dos viños do Ribeiro e a súa crecente proxección nacional e internacional, destacando a combinación de tradición, historia e innovación que caracteriza ao sector. Asemade, a conselleira, María José Gómez, reafirmou “o compromiso de apoio por parte da Xunta ao sector vitivinícola galego a través de diferentes liñas de axuda, entre elas as dos consellos reguladores, para mellorar o control, a promoción e a garantía da calidade”.

Na súa intervención, o presidente da Deputación, Luis Menor catalogou esta Feira do Viño como o “mellor escaparate para amosar ao mundo a esencia da nosa identidade” a través desta cita vitivinícola, “a más importante da nosa provincia e máis antiga de Galicia”. Unha feira que -lembrou- leva celebrándose 63 anos, sobrevivindo “a tempos de cambio e hoxe é un referente de calidade”, que converte a Ribadavia no “epicentro dunha tradición que nos define, nos une e que proxecta a mellor imaxe de Ourense cara ao exterior”.
O alcalde de Ribadavia, César Fernández, puxo o acento no valor simbólico do viño do Ribeiro, especialmente dos brancos, aos que definiu como “referentes mundiais”, sinalando que “cando se alza unha copa de viño do Ribeiro, estamos alzando séculos de historia”. Fernández lembrou tamén a orixe da Feira, facendo referencia á súa primeira edición e á figura de Juan Bande, un dos seus impulsores, presente no acto e ao que o público dedicou unha emotiva ovación. Neste sentido, destacou que, 63 anos despois, a Feira do Viño do Ribeiro e os seus caldos “non só conservan a súa historia, senón que se consolidan como un referente de innovación e vangarda”.
Máis de 50 premios internacionais no que vai de ano
Pola súa banda, a presidenta do Consello Regulador, Concepción Iglesias, destacou o excelente momento que atravesa a denominación, cun balance de máis de 50 medallas nos primeiros meses de 2026. Entre estes recoñecementos salientou as nove medallas acadadas no concurso internacional Mundus Vini, celebrado en Alemaña; os 23 premios obtidos nos Baccus; e os seis ouros conseguidos no Challenge du Vin, en Francia, onde o Ribeiro foi a denominación máis galardoada en viños brancos.
Iglesias avanzou ademais que estes resultados son só o inicio dun calendario que continuará no mes de xuño con novos certames internacionais, ao tempo que destacou a presenza dos viños do Ribeiro en citas profesionais de referencia como Barcelona Wine Week, Gourmets Madrid, Paris Wine ou Prowein.
Gran afluencia desde a primeira xornada
A feira arrincou xa desde a súa apertura cunha notable presenza de público nos stands das adegas, favorecida pola coincidencia coa xornada festiva e polas boas condicións meteorolóxicas. Esta elevada afluencia nas primeiras horas fai prever unha fin de semana de gran participación, consolidando a Feira do Viño do Ribeiro como unha das principais citas enogastronómicas de Galicia.
Programación para o sábado
A actividade continuará este sábado cunha intensa programación que incluirá novas sesións da cata popular, catas comentadas e obradoiros de cociña con profesionais de prestixio. Entre as citas destacadas figuran o obradoiro de cociña de Iria Espinosa (Restaurante Árbore da Veira, 1 Estrela Michelin), acompañada pola sumiller Marta Cortizas (Can Celler Roca), así como unha cata comentada das adegas a cargo desta última, recoñecida como mellor catadora de España e da Península Ibérica en 2025. A xornada completarase con propostas musicais e actividades paralelas que se desenvolverán tanto no recinto feiral como na Praza Maior, onde se desenvolve a Feira de Artesanía.

















