Espazo Común convoca aos veciños de Arcos a unha Reunión

ESPAZO COMÚN, ANTE OS INCUMPRIMENTOS DO ALCALDE CON RESPECTO AO COMUNAL, CONVOCA Á VECIÑANZA DE ARCOS A UNHA REUNIÓN

Publicidade

Nada do acordado no pleno do mes de outubro foi respectado polo goberno de Fumega.

A xuntanza será no Local Social de Arcos, este martes día 18, ás 20:00 horas.

Xa hai meses que estalou unha forte polémica na parroquia de Arcos cando ante o estupor da veciñanza, comezaron a chegar ao cobro recibos da taxa do lixo reclamando o pagamento de débedas pendentes dende cinco anos atrás.

carballiño dixital

Nunha decisión unilateral do actual goberno socialista, quebrábase así unha situación que se viña respectando de hai moito tempo, na que estes veciños, non pagaban este servizo a cambio de ceder o seu monte comunal para a construcción de infinidade de edificios de titularidade pública, por exemplo, o cuartel da Garda Civil, o Colexio da Uceira, o Campo de fútbol ou todo o polígono industrial.

A presión social e a iniciativa de Espazo Común para que se tratara de xeito xusto e se tiveran en conta os dereitos destes cidadáns, levaron ao alcalde a recuar en pleno e aceptar a proposta de paralizar o expediente de cobro ata aclarar legalmente o estatus de dito comunal para o que o Concello asesoría aos afectados.

Sen embargo e para non  perder o costume, a palabra dada polo rexedor, incluso en sesión plenaria, ten moi pouco valor. Así, poucos días despois continuaron chegando notificacións reclamando a débeda e a única explicación dada polo goberno foi que se trataba de “erros”.

Agardamos durante catro meses a que se resolvera a problemática conforme ao acordado pero a recepción, nas últimas semanas, de notificacións onde xa se anuncia a vía executiva para as taxas requeridas, confírmanos que, seguramente, nos atopemos ante un novo episodio de mentira e manipulación de Fumega, auténtico experto en dicir unha cousa e facer a contraria.

Ante esta falla de respecto á propia palabra, á veciñanza de Arcos e aos acordos plenarios e, sobre todo, ante a falla de accións concretas, dende Espazo Común, tomaremos de novo a inciativa e reuníremonos con todos aqueles afectados para analizar tódalas posibilidades existentes e asesoralos na cración da mancomunidade de montes, unha figura que legalmente xa debera estar promovida polo Concello hai tempo para evitar conflitos presentes e futuros.

Será o martes día 18 de febreiro, ás 20:00 horas no Local Social de Arcos e con Pachi Vázquez á cabeza, tentaremos dar a información e o apoio aos cidadáns que o Concello do Carballiño lles está a negar sistemáticamente.