A asociación Monxes do Tentáculo impulsa un espazo lúdico no ‘Bó Día Familia’ e presenta o xogo “El Pacto”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Tras o éxito das primeiras xornadas da asociación lúdica Monxes do Tentáculo, celebradas na ponte de maio, a entidade inicia unha programación semanal en colaboración co Concello do Carballiño. “Despois dunha primeira actividade moi exitosa, a entidade ofrece unha alternativa lúdica todos os domingos, onde a xente pode compartir, aprender e desfrutar”, destacou esta mañá Diego Fernández, concelleiro de Cultura, na presentación da actividade.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Todos os domingos pola tarde, no local Bo día Familia (avenida de Calvo Sotelo, 34), Monxes do Tentáculo convida á poboación a probar novos xogos de mesa, confraternizar e divertirse. “Coñecemos a bastante xente da contorna interesada en compartir este tipo de afeccións, moitas veces soterradas”, apuntou Diego Touriño, presidente da asociación. As persoas interesadas poden achegarse cos seus propios xogos para probalos, así como participar das propostas da entidade, que irán variando en temáticas e xéneros.

Por outra banda, este sábado, día 23, Monxes do Tentáculo impulsa unha xornada moi especial, na que o compostelán Tomás Souto Rendo presentará o seu xogo, “El Pacto”. A cita arrancará ás 17,00 horas no local Bo día Familia. “Este xogo naceu en xaneiro de 2025 coa idea de crear unha proposta para xogar cos meus amigos, e ao final, despois de meses de ter unha resposta moi boa, decidín comercializalo”, detallou Souto Rendo. O público poderá coñecer o proceso creativo detrás do xogo, no que se combinan os roles, a traizón e a dedución, así como probalo.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------