Carballeda de Avia celebrou este domingo a romaría na honra da súa patrona, A Virxe do Lodairo, unha data festiva para a capitalidade municipal, cunha serie de actos litúrxicos e de lecer que se prolongaron dende a mañá ata a última hora da noite. Unha xornada que tivo o seu prólogo cunha cea de confraternidade veciñal no campo da festa e unha verbena amenizada pola orquestra Marbella e a disco móbil BYV.
Ao fío do mediodía, ducias de veciñas e veciños de Carballeda de Avia e doutras localidades da comarca do Ribeiro, participaron na procesión da Virxe, que saíu da súa capela para percorrer a contorna do adro, co acompañamento armónico da Banda de Música Santa Águeda, procedente do concello de Coles. O alcalde de Carballeda, Luis Milia, acompañou no percorrido a imaxe da patrona, que data de mediados do século XVII ao igual que a coroa que adorna a súa cabeza, e luce un hábito e manto de cor branco. A continuación, oficiouse unha misa solemne no mesmo campo da festa, cantada por un coro.
Ao remate dos oficios litúrxicos, a mesma agrupación musical encargouse de amenizar a sesión vermú na frondosa carballeira do campo da festa que preside o adro, onde os romeiros tiveron a oportunidade de acollerse á sombra das árbores.
Outra actividade complementaria do evento consistíu nunha concentración de vehículos clásicos na zona da Veronza, e a xornada festiva tivo continuidade pola tarde cunha festa infantil amenizada polo DJ Tibu, que tamén se encargaría do baile da verbena xunto co grupo 3.COM.
E para rematar os festexos, mañá, luns día 25, a veciñanza de Carballeda de Avia desfrutará do seu festivo local, e será o grupo de gaitas Os Biruxes o protagonista da alborada e da sesión vermú posterior á celebración da procesión e a misa solemne na honra da Virxe. No campo da festa poderase degustar un excelente pulpo ‘á feira’. A orquestra Miramar e DJ Tibu poñerán música ao baile da verbena.
Esta romaría ten como eixe principal a ermida do Lodairo, un edificio de orixe románica que posteriormente sería obxecto de ampliacións na época do barroco e que preside un pequeno outeiro a 280 metros de altitude. A capela aínda desempeñaba no século XVII o seu papel de igrexa parroquial de Carballeda de Avia, antes da construcción da actual de San Miguel.
Según lembran os veciños de Carballeda, a romaría da Virxe do Lodairo era a máis importante e popular do Ribeiro e atraía a moita xente da comarca, e celébrase cada ano 50 días despois do domingo de Pascua, coincidindo con esta fin de semana do domingo de Pentecostés.
Pode ver a reportaxe da romaría en: https://www.facebook.com/share/v/17EzCneXxD/









