A primeira edición do festival ‘RibeiroCreques’ achegará o teatro de títeres aos municipios de Beade, Leiro e Ribadavia entre o vindeiro xoves, día 11, ata o domingo, día 14, baixo a organización de LuArt Producciones e a colaboración dos tres concellos. Un evento que contará cunha programación ampla e variada que reunirá distintas técnicas do teatro de monicreques. Entre elas haberá espectáculos de títeres de luva, títeres de mesa, bunraku, marionetas ou teatro de sombra, con compañías procedentes de Galicia, Portugal, Navarra e unha agrupación venezolana asentada actualmente en Portugal.
Un dos actos previstos será a homenaxe a unha titiriteira do Carballiño, Ana Isabel Rodríguez, pola súa contribución á defensa da lingua galega durante a ditadura. Ana Isabel Rodríguez deu os seus primeiros pasos no mundo dos monicreques aló polo ano 1974 na Asociación Cultural Avantar co deseño de títeres e a elaboración de textos, no que foi pioneira, unha andaina que ela mesma plasmou na súa obra “Na procura de Ruliño”, presentada o ano pasado durante a xuntanza anual do Instituto de Estudios Carballiñeses (IEC), do que é secretaria. A traxectoria da artista carballiñesa xa recibira en agosto de 2023 unha homenaxe na clausura do ‘XV Festival de Títeres’ que organiza a Concellería de Cultura do Concello do Carballiño.
A homenaxe a Ana Isabel Rodríguez terá lugar o vindeiro xoves. ás 18,00 horas, na Praza Maior de Ribadavia, coincidindo coa xornada inaugural do ‘Ribeirocreques’. Previamente, dende as 17,00 horas está previsto un pasarrúas do Xigante Barriga Verde dende a igrexa de San Francisco, a cargo de Títeres Alakrán. Posteriormente, ás 18,30 horas, a Casa da Cultura acollerá a representación da montaxe “Emerxir”, escenificado pola compañía Valdevinos, de Portugal, ao que seguirá un coloquio do público cos artistas.

A concelleira de Cultura de Ribadavia, Yolanda Gómez, destacou que “o RibeiroCreques nace coa vocación de converterse nun festival de referencia para toda a comarca, sumando esforzos entre concellos para ofrecer unha programación cultural de calidade e accesible para todos os públicos”. Gómez subliñou ademais que “un dos grandes valores desta iniciativa é precisamente a colaboración entre Ribadavia, Leiro e Beade, que permite construír un proxecto compartido arredor das artes escénicas e dos monicreques, levando a cultura a diferentes espazos do territorio”.
A edil tamén puxo en valor a diversidade da programación, sinalando que “o festival está pensado para que persoas de todas as idades poidan atopar actividades do seu interese, desde espectáculos familiares ata propostas para público adulto, pasando por obradoiros, exposicións e encontros cos artistas”.
O venres 12 comezará con funcións escolares de Fantoches Baj e Mircromina Teatro de Títeres en Ribadavia e Leiro. Ao mediodía inaugurarase o Mercadiño dos Creques na Alameda de Ribadavia, que permanecerá aberto ata o domingo. Xa pola tarde, o público poderá asistir ás representacións de Dom Roberto, de Valdevinos Teatro de Marionetas; Vacacións no mar, de Mircromina Teatro de Títeres; e Desconexión, de Títeres Alakrán. A xornada rematará ás 22.00 horas no Café Moderno coa proposta para público maior de 16 anos Grazas pola súa visita, de Uxía Algarra.
O sábado 13 levará parte da programación ata Beade, reforzando o carácter itinerante e comarcal do festival. A exposición interactiva cinética de Trécola Producións abrirá a actividade da xornada na Igrexa da Madalena, mentres que Fantoches Baj presentará A viaxe feliz de Ramón Sanfiz na subsede de Beade. Tamén participará a compañía Os Monifates, con dúas representacións de Chegan os Monifates en distintos espazos de Ribadavia. Pola tarde, a Praza Maior acollerá a representación de Ou grúfalo, de Carmen Domech, e a Casa da Cultura será escenario de dúas funcións de Olvido Flores, de Estefanía de Paz Asín, dirixidas a público maior de 12 anos. A programación concluirá ás 22.30 horas no Café Bar Aljama coa actuación de Luart Producións.
O domingo 14 servirá de peche para esta primeira edición cunha nova representación de Ou grúfalo, de Carmen Domech, na Alameda de Ribadavia. A exposición interactiva de Trécola Producións volverá abrir as súas portas na Igrexa da Madalena e o público poderá visitar tamén a Mostra de Títeres en Miniatura (Lambe Lambe) na Alameda. O festival despedirase ás 18.30 horas cun concerto de peche a cargo da Banda A Lira.
Actividades complementarias
O RibeiroCreques completarase cun amplo programa de actividades paralelas destinadas tanto ao público como aos profesionais do sector. Entre elas destacan os conversatorios “Detrás do Títere”, que se celebrarán ao remate de diferentes funcións na Casa da Cultura de Ribadavia e permitirán ao público coñecer de primeira man os procesos creativos das compañías participantes.
O festival contará tamén cunha exposición de monicreques instalada nos escaparates dos comercios da vila entre os días 11 e 14 de xuño, reforzando a implicación do tecido comercial na iniciativa.
No ámbito formativo e profesional, o venres 12 terá lugar no Museo Etnolóxico de Ribadavia a mesa redonda “Territorio en Escena: Artes Escénicas, Cultura e Sustentabilidade no Rural Galego”, mentres que o sábado 13 e o domingo 14 desenvolveranse obradoiros dirixidos ao público infantil e familiar dedicados ao titerefú e aos monicreques de sombra.
Con esta primeira edición, o RibeiroCreques nace cunha clara vocación de continuidade e de crecemento, apostando pola cooperación entre concellos como ferramenta para impulsar a cultura no rural. Durante catro días, Ribadavia, Leiro e Beade compartirán programación, espazos e público nun proxecto común que sitúa o Ribeiro no mapa dos festivais especializados en monicreques e artes escénicas, convertendo a comarca nun punto de encontro para creadores, profesionais e espectadores de todas as idades.
“Queremos que o RibeiroCreques sexa unha festa da cultura para toda a comarca e que contribúa a reforzar a identidade do Ribeiro como un territorio dinámico, creativo e comprometido coa cultura”, concluiu Yolanda Gómez, concelleira de Cultura.

















