O delegado territorial, acompañado de técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, supervisou esta mañá o comezo das actuacións
- Manuel Pardo explicou que o obxecto principal da actuación consiste na execución dun itinerario peonil continuo de 2,7km pola marxe dereita da estrada, entre o pk 1+060 e o pk 3+290, que permita conectar os tramos illados de beirarrúas existentes e as edificacións dispersas
- O delegado territorial puxo en valor que o trazado da nova senda é froito dunha extensa tramitación con dous procesos de información pública e destacou o consenso acadado coa veciñanza e a incorporación das súas suxestións
- Salientou o representante do Goberno galego que con esta intervención complétase a execución de máis de 16 quilómetros de sendas nas estradas autonómicas da comarca de Ourense, con 8 M€ de investimento



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Ourense, 10 de xuño de 2026.- O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, supervisou esta mañá o comezo das obras da nova senda na estrada autonómica OU-402 en Reza, no concello de Ourense, nas que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas inviste 1.512.564 euros, no marco do Plan de Sendas da Xunta que, segundo o delegado territorial, “son proxectos que teñen o selo de Galicia Calidade e van transformar esta cidade e a calidade de vida da veciñanza”.
Manuel Pardo explicou que o obxecto principal da actuación consiste na execución dun itinerario peonil continuo de 2,7 kilómetros pola marxe dereita da estrada, entre o pk 1+060 e o pk 3+290, que permita conectar os tramos illados de beirarrúas existentes e as edificacións dispersas e evitar que os peóns percorran o tramo camiñando pola marxe da estrada próximos á marca viaria.
Manuel Pardo puxo en valor que o trazado da nova senda é froito dunha extensa tramitación con dous procesos de información pública e destacou o consenso acadado coa veciñanza e a incorporación das súas suxestións, plasmadas nas modificacións levadas a cabo en varias paradas de autobús, que agora van dispoñer tamén de marquesiñas, así como nos aparcamentos en liña dos que se dotará á zona.
As obras
A nova senda, de uso peonil, deséñase co mesmo trazado en planta e alzado que presenta a estrada, mantendo unha beiravía de 0,50 metros desde a liña branca de bordo actual. A anchura é variable, en xeral entre 1,80 metros de mínimo e 3,00 metros de anchura xenérica sempre que foi posible ampliar plataforma (nun tramo puntual de 20 metros entre o pk 1+970 e 1+990 existen edificacións lindeiras coa estrada que reducen estas anchuras mínimas).
O trazado da estrada OU-402 non se modifica e non se actúa sobre a calzada máis aló do repintado de marcas viarias en todo o tramo. Así mesmo, a traxectoria da senda coordínase coa dotación nesta marxe dereita de bandas de aparcamento en liña que eviten que os vehículos aparquen invadindo o percorrido peonil.
A obra completarase con traballos adicionais de mellora dos sistemas de drenaxe, a preinstalación de canalizacións de servizos, sistemas de contención, construción de muros ou reforzo da sinalización.
Manuel Pardo destacou que estas actuacións enmárcanse no Plan de Sendas da Xunta, co que a Administración autonómica leva planificados e executados xa 300 kilómetros de itinerarios peonís e ciclistas no marco do seu compromiso coa mobilidade sostible e segura, co fin de que as persoas poidan desprazarse polas estradas de forma segura e saudable.
Deste xeito, o delegado territorial salientou que a Administración autonómica está a ampliar esta rede de sendas nos concellos co máximo respecto á contorna, coidando a integración paisaxística, e lembrou que os Orzamentos da Xunta para 2026 contemplan 263 M€ para seguir avanzando en infraestruturas, coa posta en marcha de novas sendas, a aposta pola conservación nos viarios autonómicos cun investimento récord de 71,6 M€ e sumando novos quilómetros nas estradas de altas prestacións.

















