O alumnado de 1º de Bacharelato de Artes do IES O Ribeiro presentará este venres, 19 de xuño, ás 11,40 horas, no salón de actos do centro, a curtametraxe documental “Monte y Culebra”, realizada no marco do proxecto pedagóxico Cinema en Curso. Será un acto aberto a todo o público, que pretende ser un agradecemento a todas as persoas e institucións que axudaron a levar o proxecto adiante.
A película foi estreada o pasado 12 de xuño na Filmoteca de Galicia, na Coruña, xunto con outras tres producións realizadas durante este curso por centros participantes no proxecto de Cangas, Mesía e Cerdedo-Cotobade. A proxección supuxo un momento especialmente emotivo para o alumnado, que tivo a oportunidade de presentar e comentar o seu traballo nunha sala pola que teñen pasado grandes clásicos da historia do cinema.
A rodaxe desenvolveuse entre o 10 e o 13 de abril nas rúas e no mercado de Ribadavia. Durante esas xornadas, o alumnado participou activamente en tódalas fases do proceso audiovisual, desde a gravación de imaxe e son ata a organización da produción, recollendo máis de 80 pezas de material audiovisual en diferentes localizacións da vila, como o mercado, as hortas, o río e o centro de persoas maiores.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Fabiana deixou Caracas hai anos. Viviu en moitas cidades, mudou de lugar. Agora vive en Ribadavia. Ten unha maneira especial de conectar coa xente e os lugares onde vive. Retratámola no seu día a día e descubrimos a nosa vila a través dunha nova mirada. Entre rúas, hortas e á beira do río Avia, acompañámola na recollida de flores e plantas, coas que crea o seu papel dun xeito artesanal. Mirar, coidar e valorar o que nos rodea, preguntarse que significa atopar o noso lugar.
A curtametraxe inspírase en referentes cinematográficos como Innisfree e afonda na relación coa contorna, os oficios tradicionais e a memoria das persoas maiores, construíndo un retrato da migración que fai que o espectador aprenda a mirar doutro xeito ao seu entorno.
Cinema en Curso é unha iniciativa coordinada en Galicia pola Filmoteca de Galicia e AGADIC, da Xunta de Galicia. Neste curso participan unicamente catro centros educativos de toda a comunidade autónoma. O programa permite ao alumnado traballar ao longo de todo o ano con cineastas profesionais mediante obradoiros intensivos de creación audiovisual.
No caso do IES O Ribeiro, o acompañamento artístico correu a cargo do cineasta Sebastián Uría, quen compartiu co alumnado tanto coñecementos técnicos como unha visión profesional da rodaxe e de todos os pasos da creación dun filme. A súa implicación é moi agradecida nun momento no que tamén se atopa promovendo a súa longametraxe Adiós Ríos, producida por Tamboura Films.
O proxecto está coordinado no IES O Ribeiro polo profesorado do Bacharelato de Artes, César Tejada Cid, Gemma Rodríguez Fernández, Cristina Salgado Fernández e Rita Abraldes Iglesias contando coa implicación de todo o claustro. O equipo creador da curtametraxe está formado por Ariadna Cobelas Vázquez, Dylan Pérez Vidal, Andrea Martínez Pereira, Rocío Cubo Pivida e Reinoa Ferradáns Álvarez.
A iniciativa conta co apoio do IES O Ribeiro e do Concello de Ribadavia, así como coa colaboración de numerosas persoas e entidades da localidade. A través deste proxecto, o alumnado reforza a súa formación artística ao tempo que establece unha conexión directa coa cultura, a memoria e o patrimonio máis próximos.
“Filmar a Fabiana fíxonos pensar na migración, nas súas dificultades, pero tamén no fermoso que é poder atopar o teu lugar. Interesounos o xeito no que logrou amosarnos a beleza do noso pobo, na cal nós non repararamos”. “Conectámonos coa nosa vila de novo, e agora vémola doutro xeito”
A estrea en Ribadavia este venres permitirá compartir coa comunidade educativa e coa veciñanza o resultado dun intenso proceso creativo que achegou ao alumnado á práctica cinematográfica profesional e ao coñecemento da súa contorna desde unha nova mirada artística, pero, sobre todo, permitirá agradecer a todos os que axudaron a facer posible “unha película chea de ilusión, feita con máis ilusión aínda”.

















