Espazo Común considera que a situación de “incapacidade permanente absoluta” autorizada polo INSS (Instituto Nacional de la Seguridad Social) para o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, pode carrexar “duras repercursións legais” para o Concello no caso de manterse á fronte da Corporación Municipal.
Apuntan que, “despois de moitas consultas con expertos legais e revisada gran cantidade de xurisprudencia, dende Espazo Común estamos fondamente preocupados”, xa que “hai varias sentenzas que deixan claro que un cargo electo ao ser obxecto da concesión dunha incapacidade non pode seguir coas súas funcións coma se nada, coma calquera outro traballador”.
Neste sentido, subliñan que, “de ser o caso, todo o asinado polo alcalde en funcións designado polo titular dende esa data podería ser nulo: solicitudes de subvencións, tramitacións de procedementos, modificacións de créditos, licenzas ou axudas, procedementos que poderían ser impugnados e anulados ante a irregularidade manifesta que se empeñan en cometer”.
Ao respecto, Manuel Vázquez, concelleiro de Espazo Común, xa alertaba desta situación ao inicio da sesión ordinaria que celebrou a Corporación hai hoxe unha semana, e o alcalde en funcións, José Castro-Gil respostaba que, tras facer algunhas consultas, non había ningún problema para que Fumega continuase na alcaldía. Sen embargo, Espazo Común lembra que o grupo de goberno non aportou “ningún informe legal escrito, limitáronse a dicir no pleno que para eles está todo ben”.
En consecuencia, Espazo Común anuncia que demandará “informes legais por escrito do servizo xurídico do Concello e informes externos que aclaren o panorama e marquen o camiño a seguir para non continuar afondando no caos”.

















