Cor, música e moita troula no gran desfile do ‘Entroido de Verán’ do Carballiño

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O ‘Entroido de Verán’ voltou converterse na tarde do pasado sábado nun dos eventos de referencia do Carballiño a nivel provincial e galego, ao congregar a centos de veciños e visitantes nas rúas e prazas do casco urbano para presenciar o gran desfile organizado conxuntamente polos departamentos municipais de Turismo e Cultura.

Tamén foron centos de disfraces os que integraron as 15 comparsas dos municipios do Carballiño, Maside, O Irixo, San Amaro, San Cristovo de Cea, Amoeiro e Vilamarín e Ourense que desfilaron partindo da praza da Veracruz e percorrendo as arterias máis céntricas da vila ata chegar a Praza Maior, nunha tarde que ameazaba con treboada e que deu paso a un ceo aberto e solleiro.

Nesta edición do ‘Entroido de Verán’ estiveron presentes as agrupacións Batucarba, Amigos de Partovia, Os Azucarados de Maside, Os Parrandas do Irixo, Os Rexoubeiros, Arrieiros de Dadín, Os Picapezas de Cea, Amoeiro Portavións, Amoeiro San Marcos, Lumareda, Os Nevadiños, Os da Caña, Mandrás, Os Carrís e Arrieiros de Dacón, ofrecendo un espectáculo cheo de cor, creatividade e ambiente festivo.

E a xornada festiva tivo continuidade na Praza Maior coa actuación da orquestra La Noria, que ofreceou dous pases poñendo o broche musical a unha das noites máis esperadas do verán no Carballiño.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------