Gabriel Alén significa a importancia de fomentar o deporte nas idades máis temperás a través do programa ‘Xogade’ para avanzar cara a unha galicia activa e saudable

O delegado territorial da Xunta presenciou esta mañá o desenvolvemento do XII Campionato Provincial Escolar de Orientación Pedestre Cenlle 2023, que se desenvolveu no campo de fútbol de Barbantes

  • O delegado territorial subliñou a importancia desta iniciativa porque reúne toda a oferta deportiva escolar e federada para os rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos co obxectivo de inculcar a práctica de actividade física entre as xeracións máis novas
  • Na proba participan 250 escolares de 10 centros educativos da provincia de Ourense
  • Gabriel alén destacou que nesta tempada 2022/2023 forman parte do programa Xogade un total de 39 federacións deportivas e 15 modalidades escolares, entre elas a de campo a través

Ourense, 02 de marzo de 2023.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado da alcaldesa, Rebeca Sotelo, desprazouse esta mañá ao campo de fútbol de Barbantes, no concello de Cenlle, para presenciar e ser testemuña en primeira persoa da celebración do XII Campionato Provincial Escolar de Orientación Pedestre Cenlle 2023, no que participan 250 nenos e nenas de 10 centros educativos da provincia de Ourense: o CPR Divina Pastora (O Barco de Valdeorras), o IES Cosme López (A Rúa), o CPR Pablo VI (A Rúa), o IES Aquis Querquernis (Bande), o IES San Mamede (Maceda), o CPR Vila do Arenteiro (O Carballiño), o CPI Antonio Faílde (Coles), o IES Julio Prieto Nespereira (Ourense), o IES Blanco Amor (Ourense) e a AD Limiactiva (Xinzo de Limia).

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial subliñou a importancia do programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar) organizados pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, e que na proba de hoxe contou coa colaboración da Federación Galega de Orientación, o concello de Cenlle, a A.D. Limiactiva e o Club Peña Trevinca do Barco de Valdeorras; pois reúne toda a oferta deportiva escolar e federada para os rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos co obxectivo de inculcar a práctica de actividade física entre as xeracións máis novas; e significou a importancia do deporte nas idades máis temperás para avanzar cara a unha Galicia activa e saudable, evitando o sedentarismo e a inactividade física.

Asemade lembrou o delegado que foi tamén en Cenlle onde se creo o 1º circuíto permanente de orientación deportiva de Galicia financiado pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia

Gabriel Alén destacou que nesta tempada 2022/2023 forman parte do programa Xogade un total de 39 federacións deportivas e 15 modalidades escolares, entre elas a de campo a través. Nesta liña, cómpre engadir que ao longo do ano se levarán a cabo un cento de competicións vinculadas á Federación Galega de Atletismo, por exemplo, probas de orientación pedestre como a de hoxe, ademais de carreiras populares, campo a través, trail ou de cross.

Tamén lembrou que a Xunta financia o seguro deportivo de todos os participantes no programa sen repercutir este gasto ás familias e que suporá un investimento de 4,3 M€ ata 2024. Polo tanto, a prima anual media desta tempada ascende a 2,16 M€, un 21,5 % máis que o ano pasado.

En Galicia, na última tempada 2021/2022 participaron 120.000 cativos, achegándose ás cifras prepandemia, que se situaban en 128.000. Ademais, no comezo da tempada actual 2022/2023 xa se contabilizan máis de 110.100 participantes.