O PSOE esixirá recuperar, potenciar e blindar o servizo de comedor sobre rodas do concello de Ourense no vindeiro pleno

“Despois de 16 anos, o comedor sobre rodas converteuse hoxe nun servizo máis fulminado polo goberno de Gonzalo Pérez Jácome, dentro da súa estratexia de desmantelamento das políticas sociais municipais, e que supón un recurte orzamentario perxudicando sempre aos e ás que menos teñen e máis o necesitan” afirmou Natalia González Benéitez, voceira do Grupo Municipal Socialista.

O 20 de outubro do ano 2008, entraba en funcionamento o Servizo de Comedor sobre Rodas, repartindo 200 menús diarios no domicilio das usuarias e dos usuarios do Servizo de Axuda no Fogar, persoas maiores, dependentes, do Concello de Ourense.

AVANTAR ACTIVIDADES

O obxectivo do programa centrábase en facilitar a vida cotiá das persoas usuarias do servizo e a súa permanencia no seu entorno familiar e social, nos seus fogares, evitando ingresos en centros de maiores e, ao tempo, contribuindo a unha dieta axeitada con menús personalizados dacordo ás súas necesidades e á dieta indicada nos seus informes médicos, influindo nunha mellora na súa saúde.

O servizo de comida no fogar está recollido no Artigo 4, punto 2 da Ordenanza reguladora do servizo de Axuda no Fogar, publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a data do 25 de novembro de 2014.

Tras varios anos diminuíndose o número de persoas usuarias, o pasado 12 de marzo, trala celebración da Xunta de Área de Servizos Sociais, dende o Grupo Municipal Socialista denunciabamos o desmantelamento encuberto do servizo de comedor sobre rodas do Concello de Ourense.

O goberno de Jácome pasaba de comprometerse a licitar o servizo de comedor sobre rodas no 2023 e afirmar que os pregos estaban listos e en marcha, a deixar que a concesión entrara en precario este mes de febreiro e pedir “in extremis” rescate á Xunta de Galicia a través da adhesión ao programa Xantar na Casa.

A sabendas de que a concesión entraba en precario o 28 de febreiro de 2024, o executivo local aínda non aprobara na Xunta de Goberno Local nin unha nova licitación, nin a sinatura do convenio de adhesión ao programa Xantar na Casa coa Xunta de Galicia para a súa entrada en funcionamento, o que provocaría a posteriori que as persoas usuarias quedaran no limbo sine die, dado que o 27 de marzo, hoxe, dase por rematado o servizo, sen ningún tipo de alternativa ou solución de continuidade ao respecto para elas nin para as súas familias. 

Na véspera do fin do servizo, o 25 de marzo, e coñecendo que a falta de previsión e dilixencia do Alcalde e a concelleira de Servizos Sociais ía deixar sen comida a 58 persoas usuarias, dende o Concello de Ourense emítese un comunicado anunciando melloras no servizo, afirmando que despois de case 5 anos gobernando eran coñecedores da baixa calidade do mesmo pero non fixeron absolutamente nada, e sacando peito de que se aforran 90.000 euros de gasto anual desviando á Xunta de Galicia a responsabilidade do mantemento provisional do Comedor sobre Rodas durante os próximos anos.

“E coma é habitual tamén cando se produce un recurte social no Concello de Ourense, anunciando simultáneamente calquera tipo de festexo para mover o foco e evitar falar do realmente importante, neste caso, as Festas de O Couto”, rematou a voceira do Grupo Municipal Socialista, Natalia Benéitez.