O responsábel local do BNG, Manuel Chan Muñoz, vén de presentar no rexistro municipal unha solicitude dirixida ao alcalde onde lle esixe horarios claros para a utilización das pistas deportivas existentes no centro da vila, en concreto nos contornos da praza do Emigrante e a Alameda, e que estes se sitúen en lugares visíbeis para información das usuarias e usuarios garantindo o cumprimento dos mesmos.
No mesmo escrito tamén se solicita o apagado do alumado existente na cancha de baloncesto da praza do Emigrante a partires da medianoite, cuxa potente luminosidade está a provocar molestias á veciñanza, e que a montaxe e desmontaxe das atraccións das festas que alí se adoitan colocar non se efectúe de madrugada.
O BNG solidarízase coas veciñas e veciños destas zonas, que ano tras ano padecen e sofren no verán estes problemas. Así mesmo solicitan que o Concello estude e execute as modificacións necesarias nas instalacións deportivas para minimizar o impacto acústico da súa utilización, mediante a incorporación de elementos amortecedores ou acolchados nas canastras e taboleiros, a substitución dos materiais máis ruidosos por outros de menor impacto sonoro, a instalación de sistemas antivibración e calquera outra solución técnica que contribúa a reducir as molestias á veciñanza sen prexudicar o uso das instalacións.
Dende a formación nacionalista lembran ao goberno local do PP-PSOE a obriga de facer cumprir as ordenanzas municipais que atinxen a ruídos, ocupación de espazos públicos, horarios de peche, etc. e de non existir estas, elaboralas para facer posíbel a convivencia tanto daquelas e daqueles que están no seu dereito de gozar do ocio, como daqueloutras e daqueloutros que tamén están no seu dereito de descansar ou movérense con liberdade e comodidade polas rúas e prazas da nosa vila.

















