O grupo municipal de Espazo Común do Carballiño vén de presentar unha moción solicitando que “por este Concello se garanta a continuidade da Escola Municipal de Fútbol”, agora xestionada por Club Deportivo Arenteiro, e se declare a nulidade do convenio asinado polo alcalde Francisco Fumega e o entón presidente da entidade deportiva, Argimiro Marnotes, no ano 2023.
Dende este grupo da oposición na Corporación lembran que, “no debate que tivo lugar na sesión plenaria de setembro do 2023 sobre este particular, dende Espazo Común xa alertamos do que isto podería supor para a Escola Municipal de Fútbol. Fixemos especial fincapé nisto porque a xestión desta, despois de moitos anos de ser municipal, foi entregada integra e incondicionalmente a Club Deportivo Arenteiro”.
Engaden que, “a pesares dos nosos intentos para facer entender a PP e PSOE da inestabilidade do fútbol e do perxuízo que suporía esta decisión no caso de que houbera problemas no primeiro equipo, fixeron ouvidos xordos. Tristemente para todos, os peores presaxios fixeronse realidade”.
Dende Espazo Común consideran que o pleno da Corporación Municipal é foro idóneo “para resolver as dúbidas e problemas de centos de familias con fillos na base futbolística”, xa que “estamos rematando xullo e nada se sabe do que vai acontecer, cando os equipos de máis idade xa tiñan case que estar comezando a adestrar”, e entenden que, “como sempre foi para nós, o máis importante é garantir a continuidade da Escola, e o máis razoable semella corrixir o erro cometido daquela e proceder a anular o convenio asinado no ano 2023”.

















