O grupo municipal de Ribeiro en Común ten presentadas dúas mocións para o seu debate na sesión plenaria que reunirá mañá á Corporación de Ribadavia. Unha centra a atención na crise de auga vivida o verán pasado, cando houbo que pechar a piscina para bombear auga na captación do río Avia, obra que se fixo en plena crise de 2022, cando a capital do Ribeiro quedou sen auga.
“O Partido Popular, daquela na oposición, criticou a obra do goberno de coalición, pero, agora no goberno, vive grazas a ela”, lembra Brais Fidalgo, voceiro de Ribeiro en Común, que engade que, “sen embargo, o actual goberno local aínda non fixo nin a primeira xestión para dotar a Ribadavia dunha nova captación, e modernizar a nosa rede obsoleta”.
Tamén lembran na mesma moción a desidia do alcalde no proxecto aprobado xa hai máis de tres anos, cando o PP estaba na oposición, para unha nova rede de auga pública na Groba, As Chabolas e O Seixo, e denuncian o estancamento da municipalización da auga da Groba, As Chabolas e O Seixo, tendo en conta que, “na pasada lexislatura, o Concello de Ribadavia lograra un acordo con Deputación e Xunta para realizar a obra do saneamento e subministro de auga da Groba e As Chabolas, asinado en febreiro de 2023. Sen embargo, pasados máis de tres anos, o Concello ven de remitir recentemente, no mes de xuño, o proxecto e os anexos actualizados desta obra á Confederación Hidrográfica, quen debe autorizala aínda agora”.
Por outra banda, Ribeiro en Común pide na súa segunda moción que o Concello de Ribadavia se sume aos concellos galegos que están manifestando o seu rexeitamento do xenocidio que está cometendo o goberno de Netanyahu contra o pobo palestino, e que proceda á colocación dunha pancarta na Casa do Concello en favor da paz en Gaza e do pobo palestino que conteña os lemas “Ribadavia con Palestina” e “Paz e liberdade para Palestina”.
















