O traslado ás Barcias do recinto da mocidade da ‘Festa do Pulpo’ xenera tensión na sesión plenaria do Carballiño

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Moita tensión, nervios e intercambios dialécticos foron os elementos que rodearon a sesión plenaria que reuniu hoxe á Corporación Municipal do Carballiño, na que se trataron temas de trámite e tres mocións dos grupos políticos da oposición. Entre éstas, unha de Espazo Común relativa ao traslado da ‘movida’ xuvenil da Festa da Pulpo do interior do Parque ata a finca de As Barcias, que estivo a xerar certa polémica nas redes sociais.

Un cambio decidido polo equipo de goberno para esta 64ª edición do evento gastronómico e que está xustificado e avalado por informes da Policía Local, tal e como defenderon a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Torres, e o edil de Turismo, Manuel Dacal, responsable da organización da Festa do Pulpo. Asemade, o alcalde, José Castro-Gil, convidou ao xefe da Policía, Óscar Martínez, e ao xefe da Agrupación Intercomarcal de Bombeiros, Daniel Caíña, a acudir ao pleno para dar as explicacións pertinentes.

Sen embargo, o grupo de Espazo Común amosaron a súa disconformidade coa presenza dos dous representantes das forzas do orden e de emerxencias, que, despois de sentarse no hemiciclo do salón de plenos levantáronse sen poder tomar a palabra. A concelleira non adscrita, Sofía García, avogou por “definir o modelo de festa que queremos” e apuntou que “dá a impresión de que se aparta a mocidade fóra da festa”, ademais de preguntar “se se lle vai permitir o acceso dos menores de 18 anos ás Barcias”, mentres o voceiro de Espazo Común, Adolfo Nogueira, preguntou “por qué non acudiron a dar explicacións ás comisións informativas e por qué non hai un informe que diga que nas Barcias non vai pasar nada”.

Pola súa banda, Elvira Torres, indicou á oposición que “vostedes están poñendo en dúbida os informes, e se nós os ignoramos estariamos prevaricando e, no caso de suceder algo, xa teriamos responsabilidade penal”. Engadíu que “Espazo Común xa está en campaña electoral e cabreando a xente”. Dacal asegurou que “o cambio estámolo a facer pola seguridade da mocidade, pero a vós moléstavos porque a Festa do Pulpo medrou en tódolos sentidos”.

Finalmente, a proposta de Espazo Común de anular o traslado do recinto de diversión xuvenil ás Barcias e tamén elaborar un regulamento para a organización da Festa do Pulpo só foi apoiada por este grupo e Sofia García (6 votos) ei rexeitada polos 9 votos en contra de PSdeG-PSOE e PP.

[ O vídeo completo deste debate pódese visionar en https://www.facebook.com/share/v/1DFGYnobHN/ ]

Na mesma sesión, aprobouse por unanimidade unha moción de García para a creación no Carballiño dunha oficina da Seguridade Social e rexeitouse outra de Espazo Común para que a Escola de Fútbol de Club Deportivo Arenteiro volte a ser xestionada polo Concello. Tamén se aprobaron os festivos locais para 2027: o 9 de febreiro (Martes de Entroido) e o 17 de setembro (San Cibrao) e a suspensión da adicación exclusiva do alcalde, Francisco Fumega, que pasa a cobrar unha pensión por incapacidade permanente absoluta.

Fóra da orde do día, tamén se rexeitaron as alegacións formuladas por Espazo Común ao expediente de modificación de créditos, que destina ao redor de 700.000 euros en investimentos en infraestruturas e servizos varios.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------