As instalacións do novo Centro de Interpretación Turística, no segundo andar da Casa do Concello de Leiro, acolleu este mediodía a presentación da ‘XXXV Festa da Vendima’, un dos eventos senlleiros que teñen lugar na comarca do Ribeiro e co que se quere render homenaxe e exaltar o traballo dos viticultores do municipio e que se celebrará os vindeiros días 29 e 30 de agosto.
Ao acto contou coa presenza do alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, xunto a dous integrantes da comisión do festexo: Ramón Bueno, tamén concelleiro de Cultura, e Avelino Alemparte. O rexedor avanzou a programación desta festa declarada de Interese Turístico de Galicia e fixo referencia a que a participación no concurso de carrozas nesta edición iba estar bastante condicionada polas tarefas da vendima que comezará a desenvolver dende a vindeira semana a veciñanza das diferentes parroquias de Leiro.
O programa de actividades xa se iniciará o sábado, día 29, coa festa de apertura da ludoteca infantil ás 18,00 horas, e a inauguración, prevista para as 21,00 horas, da VI Mostra de Viños, que este ano acada a cifra de 17 adegas participantes, na paraxe natural de O Salgueiral, rematando a velada cunha actuación musical.
E a xornada central do festexo será, coma sempre, o domingo, día 30, coa Praza do Cruceiro como epicentro dos actos, que se abrirán ás 10,00 horas coa recepción dos acios que optarán ao concurso e que estarán á exposición de veciños e visitantes. Un xurado seleccionará os mellores exemplares de uvas autóctonas do Ribeiro, otorgando premios de 100, 75 e 50 euros tanto en brancas coma en tintas.
Na Casa do Concello haberá ás 11,30 horas unha recepción insitucional ás autoridades e convidados, previa ao pregón de exaltación da festa, ao que dará lectura a recoñecida actriz e activista Mabel Lozano. A continuación, dende a rúa Gabino Bugallal sairá o desfile das carrozas participantes no concurso, que percorrerán un itinerario que rematará no Campo da Feira, co acompañamento da música de charangas.
Neste caso, os premios para as tres mellores carrozas de adultos serán de 1.000, 750 e 600 euros, concedéndose ademais 400 euros por participar, mentres as infantís terán premios de 400, 300 e 200 euros, respectivamente, e 50 euros pola participación. O desfile coincidirá, ás 12,15 horas, coa 8ª edición da concentración de vehículos clásicos.
O programa terá continuidade ás 14,30 horas coa visita que as autoridades realizarán no Salgueiral ao ‘XXI Mercado Artesanal’ e o tradicional xantar popular, en cuxa sobremesa está previsto o acto de entrega de galardóns aos premiados nos concursos de carrozas e acios. Pola tarde, desputarase o partido de fútbol de veteranos, no estadio Luis Sobrino, e o Concerto de Corais da Vendima, na igrexa parroquial de San Pedro, finalizando o festexo cunha verbena.









