Ribeiro en Común denuncia a total deixadez do goberno de Ribadavia no ‘Plan Rexurbe’ de recuperación urbanística

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O grupo municipal de Ribeiro en Común lamenta que o Partido Popular non fixera en case catro anos xestión algunha respecto do ‘Plan Rexurbe’ de dinamización urbanística en Ribadavia, que fora impulsado no pasado mandato 2019-2023.

Así, lembran que, de sete edificios adquiridos pola Xunta nese cuatrienio ao amparo deste programa, só un está en obras, o da praza García Boente, que prevé cinco vivendas, anunciado hai un ano a “bombo e platillo”. Apuntan que, “sen embargo, a realidade ten moita maior forza que a propaganda, xa que tanto rúa das Adegas como a Praza San Xoán, cuxos proxectos foron aprobados co noso goberno no Concello, están parados e sen empresa que realice as obras”.

Sobre os catro edificios restantes, adquiridos en 2022, tamén durante o mencionado mandato no Concello de Ribadavia, “os da rúa Santiago, rúa Portanova de Abaixo, Travesía Portanova e Portanova de Arriba, todos están sen proxecto realizado e ningún foi aínda a Comisión PEPRI do Concello, paso previo para adxudicar as obras”, critican desde Ribeiro en Común.

Por todo elo, Ribeiro en Común reiterou na pasada sesión plenaria da Corporación Ribadavia as súas peticións para que “o Concello de Ribadavia retome o Plan de Dinamización do Programa Rexurbe, para a súa aprobación definitiva, segundo as indicacións realizadas polo IGVS”, e se busquen solucións á paralización das obras cuxos proxectos están aprobados desde hai anos, como os da Praza de San Xoán e rúa das Adegas.

Finalmente, dende esta formación política solicítase que o Concello “reclame á Xunta e ao IGVS que impulse e destine fondos á realización e aprobación dos Proxectos arquitectónicos de obra dos inmobles que a Xunta adquiriu hai catro anos, concretamente os da rúa Porta Nova de Abaixo, Travesía Porta Nova, rúa Rúa Porta Nova de Arriba e rúa Santiago.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------