O Conservatorio e a Escola de Música do Carballiño inician o novo curso con preto de 175 alumnos e numerosos proxectos colectivos

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Conservatorio e Escola de Música do Carballiño deu comezo ao curso académico 2026/2027 este venres, 18 de setembro. O novo curso trae consigo tamén cambios no equipo directivo do centro: Christian Casas Hernández asume a dirección, mentres que Celia Purificación Salceda Cibeira pasa a ocupar a Secretaría e Pablo Paz López asume a Xefatura de Estudos.

O centro inicia esta nova etapa cunha comunidade educativa formada por aproximadamente 175 alumnos e alumnas, entre o Conservatorio Profesional e a Escola de Música. En concreto, o Conservatorio Profesional de Música conta este curso con 76 alumnos e alumnas, mentres que a Escola de Música se sitúa preto do centenar de matriculados. Estas cifras reflicten o bo momento que atravesa o centro e a consolidación da actividade musical no municipio. O Conservatorio conta, ademais, cun profesorado cunha sólida formación pedagóxica e unha ampla experiencia profesional, á que se suma a actividade musical que moitos dos seus docentes desenvolven de maneira paralela. A presenza do profesorado en diferentes proxectos, agrupacións, concertos e iniciativas musicais permite achegar ás aulas unha perspectiva vinculada directamente coa práctica musical profesional e coa realidade artística actual.

Máis alá da formación individual nas diferentes especialidades instrumentais, o Conservatorio e Escola de Música do Carballiño aposta tamén pola práctica musical colectiva como unha parte fundamental da educación musical. Ao longo do curso desenvolveranse diferentes proxectos e agrupacións que permiten ao alumnado compartir experiencias, traballar en equipo e achegar a música a diferentes espazos e públicos.
Entre estes proxectos atópanse a Banda da Escola de Música, antiga Banda Infantil, a Orquestra e Banda do Grao Profesional, PERCUCAR (grupo de percusión do conservatorio, co que este ano fixeron unha pequeña xira participando en cinco festivais das provincias de Ourense e Pontevedra), as batucadas adultas, o grupo de percusión tradicional, Música e Movemento (para nenos de 5 e 6 anos) e as clases de Linguaxe Musical para adultos, entre outras propostas. Estas iniciativas complementan a formación académica do alumnado e contribúen a crear unha comunidade musical activa arredor do centro, favorecendo a participación de persoas de diferentes idades e niveis de formación.

Ademais, ao longo de todo o curso desenvolverase un amplo programa de audicións, concertos e actuacións, no que terá un papel destacado a participación das diferentes agrupacións do centro. A actividade musical estará presente en distintas celebracións e
momentos do calendario, con propostas vinculadas ao Nadal, ás Letras Galegas, ao Entroido, á Semana Santa e ao final de curso, entre outras actividades que se irán desenvolvendo ao longo do ano académico.

O novo curso presenta así un Conservatorio e Escola de Música que continúa apostando por unha educación musical de calidade, participativa e aberta á sociedade, combinando a formación especializada propia do Conservatorio cunha ampla oferta de
actividades e proxectos colectivos desde a Escola de Música. Co inicio do curso 2026/2027, o centro afronta esta nova etapa coa intención de continuar ampliando e consolidando estes proxectos, así como de seguir facendo da música un elemento de encontro, formación e participación cultural no Carballiño.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------