O grupo municipal de Espazo Común vén de presentar unha moción para o seu debate no seno da Corporación do Carballiño, na que demanda unha meirande dotación de medios humanos tanto na Policía Local, Grupo de Emerxencias, Garda Civil e Parque Intercomarcal de Bombeiros, co obxectivo de garantir a seguridade da veciñanza.
Dende esta formación política apuntan a existencia dun repunte nos sucesos delictivos e dos accidentes, de xeito que consideran “imprescindible unha análise e unha mellora dotacional e de organización dos diferentes corpos destiñados a estas misións. A situación, a día de hoxe, é altamente preocupante”. Matizan que “non se trata de alarmar inxustificadamente nen culpar ao goberno PPSOE do aumento da actividade criminal ou dos accidentes, pero sí lembrarlle cales son as súas obrigas neste materia”.
Poñen coma exemplo que “a Policía Local conta con só 6 axentes activos”, contabilizando que entre baixas e xubilacións, hai máis de 10 postos sen cubrir. Ao respecto, esixirán explicacións ao equipo municipal de goberno sobre por qué o Concello “presentou tarde á Xunta a documentación para solicitar novos axentes, o cal pode implicar que tardemos dous anos en contar con novos efectivos”.
Tamén lembran que “a Garda Civil tamén está peor ca nunca no número de efectivos e son infinidade as ocasións na que non dispoñen dunha patrulla tendo que recorrer á xa escasa Policía Local”, mentres o Grupo Municipal de Emerxencias “é o gran castigado polo goberno PPSOE sen que saibamos aínda moi ben por qué”, con tan só 8 dos 20 postos cubertos. Asemade, indican que “o Parque de Bombeiros é máis veces nova pola falla de persoal que por calquer outra cousa”.
En consecuencia, dende Espazo Común solicitan “que se cubran tódalas prazas vacantes na Policía Local e no Grupo Municipal de Emerxencias” e que se demande “á Deputación de Ourense unha maior dotación de persoal no Parque de Bombeiros”. Tamén piden o traslado ao Ministerio de Interior da petición dunha maior dotación de persoal do Cuartel da Garda Civil do Carballiño e, finalmente, que dende o Concello “se coordinen e organicen os diferentes corpos para garantir unha correcta vixiancia do pobo e a tranquilidade dos veciños”.

















