O Psoe de Allariz preguntará sobre as medidas do grupo de goberno trala crise

O PSdeG-PSOE de Allariz preguntará no pleno deste vindeiro venres polas medidas e iniciativas que o grupo de goberno ten previsto levar a cabo a trala crise sanitaria, económica e social provocada pola pandemia da COVID-19 e que segundo destacan os socialistas “é unha das crises máis importantes da historia recente”. Dende o Grupo Municipal Socialista teñen constancia de que son moitas as familias que están a sufrir as feridas dos primeiros efectos, polo que consideran “incuestionable” reforzar os servizos sociais municipais en tódolos seus aspectos; “orzamentos, políticas e recursos humanos para poder paliar ou minorar as súas consecuencias e afeccións a poboación máis desfavorecida”.

Os socialistas queren coñecer de primeira man os datos que manexa o Concello de Allariz, co fin de coñecer “as novas necesidades e as políticas e actuacións que se deberán levar a cabo para dar unha resposta axeitada á veciñanza a hora de mitigar os efectos da crise”. A voceira do PSdeG en Allariz, Zaida Rodríguez, opina que “a presión que sufriron os servizos socias municipais pode chegar ao desbordamento” e subliña que “foron eles os que mantiveron a asistencia perante o confinamento, arriscando a súa saúde e cubrindo todo tipo de necesidades sociais”. Ante esta situación, os socialistas alaricanos consideran que  é necesario “facer unha boa radiografía dos servizos sociais comunitarios”, que sirva de diagnóstico para o futuro inmediato.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dende o Grupo Municipal Socialista presentaron unha batería de preguntas, destinadas a responder a diferentes cuestións relacionadas coas políticas sociais coma a porcentaxe de demandantes de axudas antes da pandemia; as unidades familiares do municipio que se atopan nunha situación de falla de ingresos producidos pola pandemia; o número de persoas que viven soas e se viron afectados polos peches dos centros de día; iniciativas postas en marcha polos servizos sociais municipais na pandemia; o gasto en axudas a emerxencias; o importe das axudas concedidas para gastos extraordinarios e os que os demandantes non poden facer fronte; relación de postos de traballo do servizo social do Concello ou nivel de sobrecarga de traballo dos profesionais.

Zaida Rodríguez considera aos servizos sociais “como servizo público esencial nestes tempos” e recalca que “son a primeira porta de entrada ao sistema e o primeiro nivel de atención e prestación”. “A súa tarefa relacional, vencellada directamente ás persoas é fundamental”, apunta tamén a voceira dos socialistas de Allariz.

Outra das baterías de cuestións que os socialistas plantexarán no pleno fai referencia a parte a actividade económica, que tal e como sinala Rodríguez, “non volveu aínda aos parámetros de certa normalidade e a precariedade social aumenta a caída do consumo, que incidirá dunha maneira especial nos piares da nosa economía local: o comercio e a hostalaría”. As arcas públicas non son alleas a esta crise e veranse afectadas dun xeito especial, “un concello coma o noso sairá seriamente prexudicado”, vaticina a voceira socialista.

Os socialistas interésanse deste xeito pola previsión dunha caída na recadación de taxas por prestación de servizos; previsións de recadación polo Imposto de Actividades Económicos e para o uso do espazo público; as bonificacións e exencións na recadación da recollida de lixo e abastecemento de auga; se se vai a desacelerar a recadación do IBI; se haberá variacións noutros impostos coma o de construcións, instalacións e obras, IBI rústico, IVTM ou o do incremento de valor dos terreos de natureza urbana e por último os cálculos que manexa o Concello no que atinxe a liñas de financiación do PIE (Participacións nos Ingresos do Estado) e nas Transferencias do Fondo de Cooperación Local e outras transferencias finalistas da Xunta de Galicia.