Humor, historia, drama e crítica social son as propostas da ‘XIX Mostra de Teatro Amador Terras do Orcellón’

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O grupo de teatro Tiruleque propón unha ampla programación teatral na súa XIX Mostra de Teatro Amador Terras do Orcellón, que se levará a cabo no Auditorio Manuel María do Carballiño do 4 de outubro ao 8 de novembro. Humor, historia, drama e crítica social son algunhas das temáticas que tocarán as 10 compañías participantes, chegadas desde diferentes lugares de Galicia e mesmo de Lleida (Cataluña). A mostra conta co apoio do Concello do Carballiño e da Deputación de Ourense.

“Un ano máis chega esta mostra de teatro que leva facendo Tiruleque desde hai case 20 anos; é unha satisfacción poder desfrutar da súa oferta, que cada fin de semana trae tantísima calidade teatral á vila”, destacou esta mañá Diego Fernández, concelleiro de Cultura, na presentación do festival. Pola súa parte, a deputada provincial Patricia Torres puxo en valor o traballo de Tiruleque, “referente teatral” da comarca do Carballiño.

As funcións realizaranse os sábados e domingos no Auditorio e comezarán ás 20,00 horas. “Só temos programación os fines de semana porque todos os grupos que participan están compostos por persoas que traballan”, detallou Xosé Prada, director do certame, quen asegurou que esta é “a mellor mostra de toda Galicia” e agradeceu a colaboración das institucións. Nesa liña, destacou o aumento das propostas recibidas, con preto de medio cento de compañías interesadas en participar. Milagros Otero, de Tiruleque, resaltou a “gran calidade” das obras programadas e convidou á poboación de toda a comarca a achegarse e desfrutar do teatro.

Unha programación moi variada

A XIX Mostra de Teatro Amador Terras do Orcellón comeza o día 4 de outubro con “Alimañas”, de Gargallada Teatro do Barco de Valdeorras. “A obra comeza coa historia dunha recoñecida actriz xa retirada”, indicou Prada.

O día 11 será a quenda de Farándula Velutina, de Corcubión, con “Mamá!”, unha comedia que reflicte as controversias das relacións entre nais e fillas.

O 12 subirá enriba do escenario Teatro Pesadelo de San Miguel de Sarandón (Vedra) con “Xa é hora”. “A historia comeza cando unha actriz que está a piques de saír a escena se atopa coa morte, que lle ven dicir que hai que marcharse”, apuntou Prada.

O día 17 será Achádego Teatro (Lugo) quen actúe coa peza “Novo Amencer”, centrada no que sucede no interior dunha secta.

A Aula de Teatro do Campus de Vigo actuará o 18 con “McBett”, adaptación en clave de comedia do texto de Eugène Ionesco.

O 24 será a quenda de Teatre del Talión (Lleida), que presentará “Esopo” ante o público do Carballiño. “Querían participar na nosa mostra desde hai moitos anos e por fin, nesta edición, puidémolos convidar”, sinalou Milagros Otero. A obra, que atesora preto de medio cento de premios e recoñecementos, é un canto á ledicia, ao amor e á liberdade.

O 25 de outubro actuará Teatro das Aras, de Cangas, con “Humanidade”, unha mirada crítica á situación actual da sanidade pública.

Xa en novembro, o día 1 subirá ao escenario a Asociación Cultural Teatral Catro Gatos (Bergondo) con “Encrobas”. “Trátase de teatro documental, xa que revive un episodio clave da loita social en Galicia sobre a resistencia labrega no val de Encrobas ante a expropiación forzosa por parte do Estado franquista”, explicou Otero.

O día 7 actuará Teatro do Vilar, de Ribadavia, coa comedia musical “Memoria dun tempo”, centrada nun grupo de actores que terá que examinarse ante un tribunal franquista para poder seguir traballando durante o réxime.

Para rematar, o día 8 será a quenda de Atrezo Teatro, chegados desde O Porriño. A compañía presenta “Silencio”, unha dramatización adaptada sobre “La casa de Bernarda Alba” de Federico García Lorca.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------