O grupo municipal de Espazo Común presentou unha moción na que solicita un acordo da Corporación do Carballiño para que “o Concello do Carballiño emprace á Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Augas de Galicia á construción dunha nova infraestrutura de almaceamento de auga que garanta as necesidades dos veciños do Carballiño e faga viable a ampliación do Parque Empresarial”.
Esta formación política basa a súa proposta ao ter por seguro que “O Carballiño precisa aumentar exponencialmente a súa capacidade de almaceamento de auga para garantir a necesaria para todo o ano”, tendo en conta as situacións meteorolóxicas deste ano e tempadas anteriores, con escasas precipitacións, e que “a obriga deste Concello é anticiparse aos problemas e non quedar agardando a ver se rezar pedindo que chova os resolve”.
Todo elo nun contexto no que citan a suba dos recibos por consumo de auga nas vivendas e a prevista ampliación da área industrial do Carballiño cara Maside. Dende Espazo Común tamén apuntan que o goberno local de PSdeG-PSOE e Partido Popular “fíanno todo á nova adxudicataria do contrato do servizo integral da auga para que constrúa un depósito de 8.000 m3, obra que vai ser pagada direitamente polos usuarios en cada recibo de Augas do Arenteiro”. A orespecto, comentan que “non fai falla analizar demasiados datos para ver que esta ‘solucións’ queda moi curta, pois o consumo nun só día dos meses de verán entre O Carballiño e Maside excede os 7.000 m3”.


















