A época estival dá paso á primavera de outono na comarca carballinesa. Os conviventes do Carballiño marchan nunha mesma dirección de participación política para entrar na gobernanza local. A veciñanza recolle sinaturas para reformar o servizo bibliotecario municipal ante a roma xestión amosada pola casa consistorial.
Hai anos que podemos percorrer as rúas da capital da comarca e escoitar os frecuentes medos dos veciños polo estado da Biblioteca Municipal do Carballiño. A difusa xestión dos mandatarios, ás veces con boas ideas, mais cunha lexanía galbana cos administrados, deixa ver como un equipo de goberno sen capacidade para dar respostas reais —non máis que algunhas espiñas insatisfactorias que lles sobran duns presuntos orzamentos con lagoas enormes en sectores esenciais— se pode traducir nun serodio, silencioso e crecente espertar da convicción da poboación de trasladar as súas vontades desde fóra da esfera dos órganos colexiados, invertendo así a pirámide social e facendo uso dos preceptos da Carta Magna do Estado español, onde se recolle que a orixe do poder do Estado está na soberanía do pobo, tanto na política estatal como nas máis baixas esferas da desconcentración administrativa do Executivo. Este último, recordemos, come e bebe grazas ó pobo, foi feito para o pobo e non o pobo para o Executivo.
A vontade dos interesados exprésase mediante unha recollida de sinaturas executada nun curto período de tempo, no que as persoas puideron sumarse a unha causa de apoio a unha universalización da cultura, da información, da igualdade de oportunidades e da escolarización; á batalla que debería ser incesante contra o abandono escolar; así como á revisión e mellora das infraestruturas e canles intradministrativas que permitan obter o máximo potencial dun servizo público innegociable e improrrogable, como é unha biblioteca que atende á capital dunha comarca que desempeña un papel fundamental na rexión ourensá. Así o expresa a UNESCO no seu Manifesto sobre a Biblioteca Pública de 1994.
En definitiva, nesta proposta, os afiliados están a pedir non só a revisión e optimización da biblioteca; estase a pedir: máis seguimento da demanda local, promoción da educación e non deixar morrer aquela Orde ministerial de 13 de xullo de 1953, coa cal comezou o acceso do pobo á cultura, á democracia que estaba por vir, á educación e a valores que han de pasar de xeración en xeración. Cúmprense, en 2026, setenta e tres anos dende que Xosé Fariña Jamardo, secretario do concello por aquel entón, impulsou o que hoxe se pretende deixar afogar entre votos
útiles e aparencias con forma de propostas que se quedan niso, en propostas per se, en cascas sen alma.
A sondaxe que nos chega sobre a xente que transita as rúas do Carballiño é que, rumorosa ela, está a falar: a falar de construír, de escoitar e loitar por uns dereitos que inclúen unha biblioteca municipal digna para poder acoller calquera alma lectora, investigadora ou mesmo que busque un recuncho de paz onde gardarse dun mal día no corazón de Vilamorta.
Contacto xuntos.biblioteca.carballino@gmail.com Agrupación de electores libre e universal.
















