A Biblioteca Municipal de Ribadavia recibe o seu décimo Premio María Moliner de Animación á Lectura

---------------------------------------------------------------------------------------------------------
  • O Ministerio de Cultura recoñece o proxecto “Biblioteca comprometida: lectura, comunidade e conciencia global”, que achega á infancia e ás familias cuestións como a paz, a igualdade e os dereitos humanos
  • O galardón pon en valor unha traxectoria de fomento da lectura apoiada na colaboración cos centros educativos, as entidades locais e as persoas usuarias

Ribadavia, 1 de outubro de 2026

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Biblioteca Pública Municipal de Ribadavia vén de recibir o seu décimo Premio María Moliner de Animación á Lectura, concedido polo Ministerio de Cultura aos proxectos de fomento da lectura desenvolvidos por bibliotecas públicas de municipios de menos de 50.000 habitantes. O recoñecemento consolida unha traxectoria de traballo continuado na que os libros, a educación en valores e a participación da comunidade ocupan un lugar central.

Nesta ocasión, o proxecto galardoado foi “Biblioteca comprometida: lectura, comunidade e conciencia global”, unha proposta que emprega a lectura como ferramenta para comprender o mundo e contribuír á formación dunha cidadanía crítica, solidaria e consciente dos retos globais. A través dos libros e das actividades da biblioteca, o programa achegou á infancia e ás familias cuestións relacionadas coa paz, a igualdade, os dereitos humanos, as migracións, os conflitos e as desigualdades. As propostas favoreceron a reflexión, a empatía e o coñecemento doutras realidades, adaptando estas temáticas ao público participante.

A implicación da comunidade educativa de Ribadavia, dos campamentos de verán do Concello e de entidades como Save the Children foi unha parte fundamental do proxecto. Esta colaboración permitiu ampliar o alcance das actividades máis alá da propia biblioteca e reforzar unha rede de traballo compartido arredor da lectura e da educación en valores.

Unha liña de traballo que medra desde 2023

O proxecto premiado dá continuidade á liña iniciada pola biblioteca en 2023 arredor da Axenda 2030. Tras unha primeira aproximación xeral aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, a programación foi evolucionando para abordar temáticas concretas, como o medio ambiente, mediante propostas como “Reciclaxe” e “SOS Océanos”, vinculadas aos ODS 12 e 14, ou a saúde, co proxecto “Bibliofarmacia”, relacionado co ODS 3.

Nesta ocasión, a realidade social orientou a programación cara á paz, á igualdade e á redución das desigualdades, en relación cos ODS 16, 5 e 10. Esta evolución reforza o carácter educativo e social dunha biblioteca que conecta a súa actividade cos retos da comunidade e do mundo que a rodea.

Un premio ao traballo compartido

A Biblioteca Pública Municipal de Ribadavia conta cunha xestión unipersoal e mantén unha colaboración constante cos centros educativos, as asociacións locais, a OMIX, o persoal da Casa da Cultura e o Concello. Esta rede permite desenvolver actividades conxuntas ao longo do ano e participar nos campamentos de verán, Nadal e Pascua, con visitas á biblioteca, contacontos e obradoiros.

“Chegar a dez Premios María Moliner é un orgullo, pero tamén unha responsabilidade e, sobre todo, un recoñecemento ao traballo de toda unha comunidade. A colaboración cos centros educativos, entidades, asociacións, institucións, familias e persoas usuarias é imprescindible para que unha biblioteca unipersoal poida desenvolver proxectos deste alcance”, sinalan desde a Biblioteca Pública Municipal de Ribadavia.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


A biblioteca agradece especialmente a implicación da comunidade educativa, das asociacións e entidades colaboradoras, das familias e das persoas usuarias, ás que fai partícipes deste décimo recoñecemento.

Ao longo dos dez proxectos premiados, a biblioteca ribadaviense desenvolveu propostas relacionadas co fomento da lectura, a igualdade, a Axenda 2030, a cooperación internacional, a solidariedade, os dereitos da infancia, o cómic e a participación comunitaria.

Este novo galardón recoñece ese percorrido e o papel da Biblioteca como espazo aberto á veciñanza, no que a lectura permite coñecer outras realidades, compartir experiencias e mirar o mundo desde Ribadavia.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------