A Formación nacionalista denuncia que nas últimas semanas producíronse varias caídas nos teitos duns baños ao tempo que se produciron goteiras nalgúns corredores
Ourense, 04 de outubro de 2026. En maio de 2025, case unha década despois de que o Goberno do Partido Popular prometera construír un CAPD en Ourense, iniciou a súa actividade no edificio construído no barrio de Barrocás. En xuño de 2020 a Xunta de Galiza asinaba coa UTE Construcións ALEA, S.L. – Proforma Execución de Obras y Restauracións, S.L. o contrato de obras de construción dun centro de atención a persoas con discapacidade en Ourense por un importe de 7.659.080,66 € e non exento de polémica en canto ao atraso na súa construción e posta en funcionamento.
A deputada nacionalista Noa Presas lembra que “no 2022, cando as obras tiñan que ser unha realidade, levaban seis meses paralizadas ata que o Goberno galego recoñeceu en sede parlamentaria ante o BNG ter a situación bloqueada polo impacto da crise de prezos”. E engade, “logo da insistencia das familias houbo un novo proceso de contratación que obtivo no outono de 2022 a empresa COPASA. Porén, en xaneiro de 2023 descoñécese a reprogramación desta obra máis alá de vaguidades e dunha nova promesa para xaneiro de 2024”. Finalmente foi o ano 2025 o de remate e posta en funcionamento.
Agora en 2026, apenas un ano e medio despois da súa entrada en funcionamento e segundo denuncia o BNG, na última semana de setembro puideron confirmar dúas situacións que alertan da calidade do edificio e do inadecuado do seu mantemento. Noa Presas afirma que “malia non se rexistraren choivas extraordinarias, rexistrouse a caída de varias partes do teito duns baños e, asemade, repítense as goteiras nos corredores”.
Este feito é de enorme relevancia xa que tal e como enuncia Presas “hai que ter en conta sobre este último extremo que iso dificulta a circulación das e dos usuarios e, singularmente, daqueles que precisan algún soporte para andar como cadeiras ou andadores, e tamén a dos seus familiares, ademais de comprometer a seguridade laboral das e dos traballadores”. Para a nacionalista “resulta alarmante que un edificio público novo presente estas situacións e amose falta de preparación ante eventuais situacións de temporais no inverno”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Diante desta situación, o BNG solicitará a través do Parlamento galego que á Xunta de Galiza “remita a información exacta das deficiencias e desperfectos rexistrados no mes de setembro no CAPD de Ourense e impulse unha revisión independente das instalacións co obxectivo de asegurar o adecuado cumprimento da normativa en materia de prevención de riscos laborais e en materia de seguridade industrial así como tomar medidas inmediatas para garantir a adecuada resistencia á tempada de choivas e solucionar as goteiras existentes”.

















