· O cabeza de lista popular considera que Barbadás necesita “estabilidade e compromiso”, asegurando que con este paso busca construír un municipio mellor cun equipo que reflicta a sociedade local “cun proxecto serio, con capacidade de xestión e vontade de escoitar á veciñanza”
· Na reunión da agrupación local e acompañado pola dirección provincial, o presidente Luis Menor reivindicou que o quinto municipio da provincia por poboación merece “o goberno solvente e estable que tanto necesita a política municipal de Barbadás e que vai garantir o PP con esta candidatura”
Barbadás, 8 de outubro de 2026. Francisco Javier Rodríguez Rajo foi proposto pola agrupación local do Partido Popular de Barbadás como candidato á alcaldía para as eleccións municipais de 2027, ademais de novo presidente da xestora local.
Rodríguez Rajo (Barbadás, 1971) conta cunha dilatada traxectoria profesional vinculada á Universidade de Vigo, onde ocupou cargos como decano da Facultade de Ciencias e vicerreitor do Campus de Ourense, alén de ser presidente da Asociación Española de Aerobiología.

O candidato aceptou a invitación para liderar a lista do PP de Barbadás “polo compromiso que sempre sentín co meu concello, onde nacín e resido”. Con este paso busca contribuír coa súa experiencia e xunto a un amplo equipo de persoas a construír un municipio mellor, baseándose “nun proxecto serio, con capacidade de xestión e vontade de escoitar á veciñanza”.
Javier Rodríguez considera que Barbadás necesita “estabilidade e compromiso”. A súa primeira meta será escoitar para coñecer de primeira man cales son as prioridades da veciñanza e así poder dar resposta a cada unha delas. Entre as que xa identifica destaca a necesidade de paliar o importante déficit en infraestruturas do concello, mellorar o benestar dos maiores e novos, ou reactivar o comercio.
Para este proxecto, o candidato popular subliña a importancia de contar cun gran equipo que sexa o reflexo da sociedade local. Por iso avanza que incorporará a persoas de diferentes perfís e experiencias (do ámbito profesional, empresarial, deportivo, cultural, social e asociativo), garantindo ademais que todas as parroquias estean representadas. Unha aposta por un equipo “próximo, plural e preparado con ganas de traballar para mellorar a realidade de Barbadás”.
LUIS MENOR: “BARBADÁS MERECE O GOBERNO SOLVENTE E ESTABLE QUE GARANTIRÁ O PP”
Na reunión da agrupación local e acompañado pola dirección provincial, o presidente Luis Menor reivindicou que o quinto municipio da provincia por poboación merece “o goberno solvente e estable que tanto necesita a política municipal de Barbadás e que vai garantir o PP con esta candidatura”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O líder dos populares ourensáns, quen tivo palabras de recoñecemento para José Manuel Freire Couto, presidente da xestora desde a súa constitución en decembro de 2024, tamén agradeceu a Javier Rodríguez que aceptara a responsabilidade de encabezar a lista, destacando que “necesitamos aos mellores en política para que lle vaia ben á veciñanza de Barbadás”. O candidato e o seu equipo, xunto aos membros da xestora, engadiu o presidente provincial, “representan a forza do PP para dar rumbo definido ao futuro do concello”.

















