O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou este xoves O Carballiño, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, para coñecer os traballos que se están a desenvolver no marco de RenÓbrate, un programa piloto de formación e emprego no que colaboran a Xunta de Galicia, a Fundación Laboral da Construción e os concellos de O Carballiño, Arteixo, Sanxenxo e Santiago de Compostela.
Durante a visita, González destacou a importancia de ofrecer formación adaptada ás necesidades de sectores estratéxicos como o da construción, co obxectivo de mellorar a cualificación profesional e facilitar o acceso ao mercado laboral das persoas desempregadas.
No Carballiño participan 20 persoas, que combinan a formación teórica coa práctica durante os nove meses de duración do programa. A iniciativa inclúe máis de 500 horas formativas nas áreas de Edificación e Obra Civil e Industrias Extractivas, así como contidos relacionados coa prevención de riscos laborais.
A actividade práctica céntrase en tarefas de albanelería e pavimentación urbana, mediante a reforma e o acondicionamento de locais municipais e a realización de melloras en espazos públicos. Entre as actuacións previstas figuran traballos no parque do Carballiño, con pavimentos peonís exteriores e outros elementos de urbanización.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O programa busca responder á demanda de profesionais cualificados no sector da construción e favorecer a incorporación laboral das persoas participantes. Segundo os obxectivos da iniciativa, preténdese que unha parte do alumnado acceda a un contrato a xornada completa en empresas do sector no prazo máximo de dous meses tras rematar a formación.
















