Espazo Común presenta unha moción para aclarar o acontecido na Festa DJ da Festa do Pulpo do Carballiño

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O grupo municipal de Espazo Común no Concello do Carballiño presentou unha moción para aclarar o sucedido durante a Festa DJ celebrada o pasado 9 de agosto no marco da Festa do Pulpo. A formación considera que o goberno local, que identifica como PPSOE, pretende “pechar en falso” a problemática xurdida e sostén que esta actitude “non é propia dun Concello responsable e bordea a ilegalidade”.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Segundo explica Espazo Común, o evento trasladouse de forma unilateral á zona das Barcias e, durante a celebración, tivo que ser suspendido cando faltaban case a metade das actuacións previstas debido á “constante caída de persoas ao río”. A formación critica que o argumento empregado para xustificar o cambio —unha cuestión de seguridade— “cae polo seu propio peso” á luz deses feitos.

Espazo Común acusa o goberno municipal de intentar “esconder os feitos” e converter o suceso nunha “nova medalla de mentira”, e subliña que só a rápida actuación da policía local, con mención expresa ao axente Javier Diz, e do resto dos servizos de emerxencia evitou un desenlace moito máis grave. Neste sentido, lamenta que non se fixese “nin o máis mínimo recoñecemento” ao axente que se xogou a vida para salvar a unha das persoas que caeu ao río.

A formación indica tamén que o grupo de goberno ignorou dúas peticións de documentación realizadas por Espazo Común e que, coa presentación desta moción, terá a obriga de facilitarllas. Por iso, considera “perentorio” facer unha análise sosegada dos erros cometidos para garantir unha celebración máis segura nas vindeiras edicións.

Solicitude

A moción pide a creación dunha comisión específica, con presenza de todos os grupos da corporación e dos responsables da seguridade, para investigar os acontecementos da Festa DJ deste ano e redactar un informe que garanta o éxito das futuras edicións.

A iniciativa está asinada por Manuel Vázquez Fernández, Adolfo Nogueira Campo, Érika Paz Rodríguez, Francisco José Fraga Civeira e Inmaculada Rodríguez Rodríguez.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------