Rairiz de Veiga, 22 de outubro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense expresou o seu apoio á alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade, ante unha operación política que, segundo denuncia, pretende promover unha moción de censura para arrebatarlle a Alcaldía ao Partido Socialista, lexitimamente elixido pola maioría da veciñanza.
O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila, acusou o PP de Luís Menor de “antepoñer os seus intereses partidistas ao respecto pola democracia” e esixiu explicacións sobre unha manobra que, segundo a información coñecida, estaría sendo negociada por dous concelleiros do PP, dous do BNG e un edil que concorreu nas listas socialistas e que posteriormente pasou ao grupo de non adscritos. O candidato proposto para asumir a Alcaldía sería o popular Camilo Fernández Freire.
Vila denunciou que esta iniciativa volve poñer de manifesto “as vellas prácticas do baltarismo”, nas que, ao seu xuízo, todo vale para conquistar alcaldías, mesmo recorrer a acordos antinatura e apoiarse en tránsfugas para cambiar pola porta de atrás o que a cidadanía decidiu nas urnas. Neste sentido, afirmou que o PP “reincide nas vellas prácticas caciquís” e advertiu de que o recurso a concelleiros que abandonaron a formación pola que foron elixidos “erosiona a confianza da cidadanía nas institucións”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O PSdeG-PSOE de Ourense reafirmou o seu apoio total a Asunción Morgade e ao labor do goberno municipal socialista, e considerou que a prioridade debe ser seguir traballando polo concello e polas necesidades da cidadanía, non alimentar operacións partidistas para cambiar a Alcaldía a poucos meses dunha nova convocatoria electoral. Así mesmo, esixiu ao presidente provincial do PP, Luís Menor, que se pronuncie con claridade sobre esta operación e aclare se apoia que a súa formación acceda á Alcaldía mediante unha moción de censura construída co apoio de edís doutras candidaturas.
Finalmente, os socialistas valoraron a posición expresada polo BNG, que rexeitou a iniciativa e reclamou responsabilidade aos seus concelleiros, advertindo das consecuencias orgánicas de que a moción siga adiante.















