O PSdeG censura que durante catro anos a Xunta non destinase a Lugo e Ourense nin un só euro do fondo de compensación interterritorial

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Carmen Rodríguez Dacosta recordoulle ao Goberno galego que o FCI ten precisamente como obxectivo corrixir os desequilibrios económicos entre territorios

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2026. A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta criticou hoxe que durante catro anos consecutivos a Xunta non destinase ás provincias de Lugo e Ourense nin un só euro do Fondo de Compensación Interterritorial. Foi no período entre 2022 e 2025 (ambos incluídos), tal como vén de revelar un informe do Consello de Contas. Dacosta recordou que, durante ese tempo, Galicia “contou con máis de 155 millóns de euros procedentes do Estado” dentro do FCI.

Lembrou tamén que o Fondo “está destinado a corrixir os desequilibrios económicos entre territorios”, algo recollido, ademais, no artigo 158 da Constitución. “Falamos de cohesión, igualdade de oportunidades e do futuro de dúas provincias que levan demasiado tempo reclamando investimentos para superar as súas dificultades económicas e demográficas”, afirmou.

Por iso, criticou especialmente que o 100 % desas asignacións se desviasen a Pontevedra, “fundamentalmente á ampliación do Hospital Montecelo, que xa estaba comprometido nos Orzamentos da Xunta e contaba con financiamento estatal e europeo”.

“Ninguén cuestiona a necesidade de ampliar o hospital, porque é unha infraestrutura sanitaria necesaria. O que cuestionamos é que a Xunta concentre reiteradamente estes fondos nunha obra xa programada, mentres deixa sen novas asignacións dúas provincias con evidentes necesidades de investimento”, insistiu.

Rodríguez Dacosta defendeu que a solidariedade territorial “non pode quedar nunha declaración de intencións”, senón que se ten que traducir en investimentos “e oportunidades reais”. Nese senso, sinalou que os proxectos “fináncianse con fondos do Estado, pero son proxectos autonómicos, acordados no Comité de Investimentos Públicos, e a Xunta é a responsable da súa execución”.

Por outra banda, salientou un dato a maiores que recolle o informe do Consello de Contas e que resulta “especialmente preocupante”. A Xunta tiña sen executar 30,49 millóns de euros procedentes de fondos de 2020 e anteriores. “Mentres reclama máis financiamento, mantén recursos de compensación territorial sen investir”, criticou Dacosta, e engadiu que o informe fala, ademais, dunha “deficiencia estrutural na planificación e execución” dos fondos.

Carmen Rodríguez Dacosta formulou, en relación con todo o anterior, unha serie de cuestións: “Que proxectos para Ourense e Lugo presentou ou valorou a Xunta durante eses catro anos? Por que non incluiu ningún nas novas asignacións? Que medidas vai adoitar para evitar que esta situación continúe?”.

A parlamentaria socialista chamou a atención sobre o feito de que o pasado 27 de outubro a Deputación de Lugo aprobou unha iniciativa para esixir criterios públicos obxectivos na distribución destes fondos, investimentos que atendan ás necesidades territoriais e explicacións sobre os remanentes pendentes, “e o Partido Popular votou en contra”.

 

 

---------------------------------------------------------------------------------------------------------
PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------