O Concello do Carballiño amplía a 25 prazas a oferta do curso de natación para maiores de 65 anos

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello do Carballiño, a través da Concellería de Servizos Sociais, amplía as prazas para o curso municipal de natación para maiores de 65 anos. A actividade, que conta cunha elevada demanda por parte da poboación, contará en 2026 cun total de 25 postos, en lugar de 20. “Queremos que as persoas maiores socialicen, saian da casa, fagan exercicio e participen nas propostas municipais”, resaltou esta mañá Silvia Baranda, concelleira de Servizos Sociais, na presentación do curso.

O prazo de inscrición do curso comeza o próximo día 9 de novembro, ás 8,00 horas. Para anotarse é necesario dirixirse ás oficinas municipais de Servizos Sociais, onde debe presentarse a persoa interesada co seu DNI, número de conta e informe médico. “Son dous días a semana, unha hora cada día, e a persoa ten que aportar 15,33 euros mensuais”, engadiu. O curso lévase a cabo na piscina de Corzos de xaneiro a decembro de 2026, a excepción de xullo e agosto, nos que a actividade se suspende por vacacións.

A concelleira tamén adiantou que se ampliará a oferta de actividades para maiores por parte do Concello. “Tentaremos facer máis actividades, porque estamos vendo a importancia de que leven unha vida activa”, engade.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------