Dúas funcións teatrais e un acto institucional simbolizarán a loita contra a violencia machista no Carballiño

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A programación do Concello do Carballiño para a data do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se conmemora o vindeiro 25 de novembro, terá unha forte compoñente dramática ao achegar á veciñanza dúas montaxes teatrais vencelladas con esta problemática social. As actividades foron presentadas esta mañá na Casa Consistorial da vila pola concelleira de Muller e Igualdade, Silvia Baranda, que estivo acompañada por Patricia Nogueira e Marina Pérez, traballadoras do Centro de Información á Muller (CIM) do Carballiño.

Silvia Baranda apuntou que “estamos a ver actitudes machistas entre a xente nova que a min dóenme moito, por iso dende o Concello do Carballiño dicimos ‘Non á violencia'”. O programa contempla, para o día 10 de novembro, martes, a representación no Auditorio Manuel María da obra “Golpes”, protagonizada por Estíbaliz Veiga, e que terá lugar ás 11,30 horas para o alumnado de ESO dos centros de ensino da vila.

No mesmo centro cultural, o sábado 21 de novembro, ás 20,00 horas, será a quenda de Redrum Teatro, que escenificará “Sophie non é o meu nome de guerra”, uha creación do carballiñés Roberto Pascual con Laura Míguez na dirección e con Camille Hedouin e Alixa Ladson como actrices protagonistas. Esta montaxe gañou o Premio Rafael Dieste 2021.

E na propia data do 25-N, a Casa do Concello será sede, dende as 12,00 horas, do tradicional acto institucional e reivindicativo no que asociacións de mulleres, colectivos veciñais, institucións benéficas e centros de ensino do municipio ofrecen as súas visións contra a violencia machista.

Xa o venres 11 de decembro, reunirase a Mesa de Coordinación para a mellora da atención ás vítimas de violencia de xénero, coa presenza de representantes da Subdelegación do Goberno, Policía Local, Garda Civil, CIM e centros de ensino.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------