BNG fai fronte a 20 anos de esquecemento das forzas estatais a Ourense e Lugo: “a autovía A-56 será prioridade para o BNG”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Noa Presas comprométese a converter a autovía entre Lugo e Ourense nunha prioridade do BNG no Congreso para poñer fin a décadas de abandono do interior

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Actuación conxunta das cabezas de lista do BNG por Lugo e Ourense nos vindeiros comicios do 29N: “un BNG forte no Congreso fará realidade esta demanda”

Ourense, 4 de novembro de 2026. As cabezas de lista do BNG por Lugo e Ourense, Olalla Rodil e Noa Presas, unen forzas para rematar co abandono que as forzas estatais teñen sumido ao interior de Galiza. Presas sitúa o impulso para a construción da autovía A-56, infraestrutura estratéxica que arrastra 20 anos de promesas, entre as prioridades do BNG de cara a este 29N a través dun “BNG forte que fará historia contando por vez primeira con representación nacionalista por Lugo e Ourense.

Noa Presas, cabeza de lista do BNG pola circunscrición de Ourense, comprométese a traballar e exercer presión en Madrid para que o Goberno do Estado materialice unha infraestrutura clave para o interior do País como é a autovía A-56 que conecta as cidades de Lugo e Ourense. “Unha infraestrutura que leva proxectada máis de 20 anos e da que non se executou nin 10% do orzamento e que apenas hai 9 quilómetros construídos” denuncia.

 “Supón unha discriminación que, a día de hoxe, esta infraestrutura non estea construída” sinala Presas, lamentando o abandono ao que as forzas estatais sumiron as comarcas ourensás e lucenses.

O que se emprega actualmente, explica a candidata do BNG por Ourense, son vías secundarias “como a N-540, con constante problemas de mantemento e cunha enorme sobrecarga de vehículos de transportes de mercadorías e, polo tanto, comprometendo a seguridade e a potencialidade desta zona a se desenvolver do punto de vista social e económico”.

O BNG considera que a A-56 non pode continuar sendo unha promesa pendente nin quedar relegada nos investimentos estatais. A súa execución resulta fundamental para mellorar a comunicación entre Lugo e Ourense, reducir os tempos de desprazamento, reforzar a seguridade viaria e favorecer a actividade económica e a vertebración territorial do interior galego.

“Será unha das prioridades que o BNG porá a partir do 29N con máis forza no Congreso” asegura Noa Presas, sinalando que tamén “se fará historia contando por vez primeira con representación nacionalista por Lugo e Ourense”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------