O vindeiro sábado 21 de novembro, a localidade ourensá de Ribadavia converterase no epicentro do debate e da cooperación cultural do noroeste peninsular coa celebración da segunda edición do ‘Convívio · Territorios Conectados: Cultura, ruralidade e identidades’.
O proxecto, impulsado por Arraiane(s) Estudo e a OMIX de Ribadavia xunto a diversas entidades e patrocinadores, nace dunha premisa clara: o rural non é un espazo baleiro que cómple encher, senón un territorio habitado onde xa se fai cultura de xeito activo. O evento toma o seu nome do concepto clásico convivium (o banquete, a mesa longa, o encontro compartido) e da sensibilidade achegada dende o país veciño. O seu obxectivo principal é artellar un espazo de encontro interterritorial aberto a calquera persoa interesada en participar, reflexionar e coñecer de primeira man os proxectos que sosteñen o medio rural fronte aos retos da despoboación e do envellecemento demográfico.
A xornada estruturarase ao longo de todo o día combinando espazos de reflexión teórica, roteiros patrimoniais e propostas escénicas:
- Punto de partida e mesas de debate: Tras a apertura institucional no Museo Etnolóxico de Ribadavia, o programa arrincará co laboratorio «O Ribeiro como laboratorio: cultura, viño, memoria e comunidade». A continuación, celebraranse as mesas temáticas: «A Raia: Máis alá dunha fronteira. Identidades comúns e cooperación» e o bloque adscrito ao Noroeste, titulado «Desde as marxes: Prácticas descentralizadas, redes e sustentabilidade».
- Patrimonio e cultura viva: Ao mediodía, as persoas asistentes poderán desfrutar do xantar na Igrexa da Madalena (con inscrición previa). Xa pola tarde, o público poderá participar no roteiro cultural participativo polo conxunto histórico de Ribadavia titulado «Imaxinar os eventos», guiado por Claudio Vázquez.
- Artes escénicas e música: A programación cultural continuará coa conferencia escénica «A visión social da cultura» a cargo de Alberto de Boiro no establecemento A Huella do Gato Negro, as pezas artísticas «Yegua» (de Marion Sage) e «Calla, aún se puede decir algo» (de Alexia Sayago) na Igrexa da Madalena, e o broche final da xornada co tradicional «Serán ou non serán» (con música en directo e ambiente festivo) de volta na Praza Maior.
Inscricións e participación aberta
O evento está aberto a todo o público que queira asistir ás mesas, ao xantar ou ás actividades culturais. O prazo de inscrición remata este domingo, 9 de novembro, e as prazas poden solicitarse a través do formulario dispoñible nas redes sociais da OMIX de Ribadavia.
Para facilitar o desenvolvemento da xornada, a organización habilitará puntos de acreditación e recollida de participantes no Museo Etnolóxico pola mañá, na Igrexa da Madalena ao mediodía e na Praza Maior pola tarde.
O Convívio conta co apoio fundamental do Concello de Ribadavia, o Museo Etnolóxico de Ribadavia, Xacobeo 2027, Povarelo, Paniagua, Coren, Eroski, Bodegas Gallegas, Rectoral de AmandI, Gran Alanís e AGPXC, consolidándose como unha cita ineludible para axentes culturais, investigadores, colectivos e calquera cidadán interesado.

















