Noa Presas comprométese a defender en Madrid a posta en marcha do proxecto metro lixeiro en superficie que permita mellorar a mobilidade da cidadanía en transporte público
“O Carballiño poderá ter un servizo de cercanías ferroviarias con trens frecuentes e tempos de desprazamento competitivos cun BNG forte en Madrid” di Manuel Chan
Ourense, 7 de novembro de 2026. A organización nacionalista comprométese a levar a Madrid as demandas da veciñanza do Carballiño para impulsar a creación dun servizo de proximidade ferroviaria que permita conectar as principais localidades ourensáns entre si e coa capital, así como as principais zonas industriais, sanitarias e universitarias. A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, sinala que ante a pasividade e inacción das forzas estatais, o BNG “é a garantía para conectar as comarcas ourensáns”, favorecendo unha mobilizada sustentábel e a interconexión entre os principais puntos de actividade.
O proxecto de metro lixeiro foi “agochado nun caixón” polas forzas de ámbito estatal ao longo destas lexislaturas. “As e os representantes electos por Ourense nunca atenderon as demandas da veciñanza e mesmo calaron cando o Goberno do Estado eliminaba e recortaba servizos ferroviarios” denuncia a cabeza de lista do BNG por Ourense.
“Fronte a esta inacción, o BNG preséntase a estas eleccións co convencemento de que é o momento de que Ourense comece a gañar facendo historia e tendo, por primeira vez, representación nacionalista no Congreso” afirma Presas. A representación do BNG por Ourense, continúa explicando a cabeza de lista, impulsará a implantación do servizo ferroviario coñecido como “metro lixeiro en superficie” que conecte as principais zonas industriais, sanitarias e universitarias e favorecendo a mobilidade sustentábel e a interconexión entre os principais puntos de actividade da área metropolitana.
Noa Presas explica que o proxecto -bloqueado no seu momento polo Partido Popular coa conivencia do Partido Socialista- permitirá “conectar O Carballiño con Santa Cruz, Quintela, Untes, O Pino, a Estación do Empalme, o Campus Universitario, Polígono industrial, San Francisco e a Residencia…”, así como conectar con outras localidades como Ribadavia, Barra de Miño, Os Peares ou Baños de Molgas.
“O BNG ten claro que a veciñanza do Carballiño, no concreto, e de Ourense, en xeral, merece dun transporte público de calidade. Con horarios e frecuencias adaptadas ás necesidades da poboación” subliña o candidato do BNG á alcaldía do Carballiño, Manuel Chan. “O Carballiño poderá ter un servizo de cercanías ferroviarias con trens frecuentes e tempos de desprazamento competitivos cun BNG forte en Madrid” sinala.
















