Presas sinala que un BNG forte no Congreso permitirá avanzar nunha solución aos problemas actuais e garantir desprazamentos seguros
O BNG defende desconxestionar o tráfico do centro das localidades e ofrecer comunicacións adecuadas á veciñanza
Ourense, 17 novembro 2026. A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, comprométese a defende unha actuación integral na estrada N-541, así como o impulso da circunvalación do Carballiño, co obxectivo de mellorar a seguranza viaria, reducir a presión do tráfico sobre os núcleos urbanos e garantir unhas comunicacións adecuadas para a comarca. Para isto, sinala a necesidade de contar cun BNG forte no Congreso a partir do 29N e con representación nacionalista pola circunscrición de Ourense.
Presas lembra que a N-541, que comunica Ourense con Pontevedra e atravesa numerosos municipios, figura en distintos informes sobre sinistralidade viaria entre as estradas que presentan maiores índices de perigosidade. Unha situación que, ao seu xuízo, evidencia a necesidade de pasar dos compromisos ás actuacións concretas.
“Non abonda con simples actuacións puntuais que non resolven un problema estrutural. É preciso por enriba da mesa unha actuación integral e iso pasa por ter en Madrid unha forza política coas mans libres para defender os intereses dos e das galegas” sinala Presas.
Unha circunvalación para o Carballiño
Xunto coa mellora integral da estrada, Presas defenderá impulsar a circunvalación do Carballiño como unha infraestrutura necesaria para desconxestionar o tráfico e evitar que unha parte importante dos vehículos que utilizan a N-541 teñan que atravesar o centro da vila.
“O Carballiño necesita unha solución que permita ordenar os fluxos de tráfico e reducir a circulación de vehículos polo núcleo urbano. A circunvalación debe deixar de ser unha demanda pendente e converterse nunha prioridade na planificación das infraestruturas do Estado” apunta Presas.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A nacionalista subliña que ambas as actuacións deben abordarse de maneira complementaria: por unha banda, renovando e mellorando a N-541 para que sexa unha estrada segura e, pola outra, desenvolvendo alternativas que permitan retirar tráfico dos principais núcleos de poboación.
“Falamos dunha cuestión de seguranza, de calidade de vida e tamén de futuro para O Carballiño e para toda a súa comarca. Precisamos infraestruturas pensadas para as necesidades da veciñanza e non podemos seguir adiando investimentos imprescindíbeis para Ourense” sentenza a cabeza de lista do BNG para os vindeiros comicios do 29N.
















