Presas: “A onda de simpatía cara ao BNG demostra que Ourense quere facer historia e avanzar co 1º escano”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------
  • Afirma en Vilar de Santos que “Ourense pode deixar de perder este 29N após case 50 anos de bipartidismo estéril” e comezar a gañar co BNG
  • A cabeza de lista do BNG afirma que hai unha ilusión que medra, cada día máis, arredor do BNG “e imos convertela en melloras para Ourense”

Ourense, 22 novembro 2026. A cabeza de lista do BNG ao Congreso, Noa Presas, asegurou durante o encontro mantido coa veciñanza de Vilar de Santos que a consecución do primeiro escano nacionalista por Ourense permitirá transformar as demandas da cidadanía en melloras concretas. “Responderemos con ese escano con melloras para ti, Ourense” afirmou, reivindicando a importancia de contar cunha representación propia que defenda os intereses das comarcas ourensás alí onde se toman as decisións.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Durante o encontro coa veciñanza, tamén participou o alcalde de Vilar de Santos, Marcos Nogueiras, e os candidatos do BNG ao Congreso e ao Senado, Juan Luis Domínguez e Bernardo Varela.

Presas destacou que, malia estar sendo unha campaña intensa e non contando co prime time televisivo, está percibindo unha crecente onda de simpatía cara ao BNG en todo Ourense. Unha resposta da cidadanía que, ao seu xuízo, contrasta co desgaste e a falta de ilusión que transmiten as forzas do bipartidismo. “Estamos percibindo moita complicidade, moitas persoas que se achegan, que nos trasladan o seu apoio e que teñen ganas de que as cousas cambien. Hai unha ilusión que está medrando arredor do BNG e iso anímanos a seguir traballando con máis forza” sinalou.

A candidata nacionalista considerou que esta campaña está a demostrar que existe unha oportunidade histórica para abrir unha nova etapa para mellorar a vida da xente. “Ourense leva demasiados anos agardando, vendo como uns e outros se alternan mentres os problemas seguen sen solucionar. É hora de que Ourense comece a gañar, e iso pasa por conseguir un escano do BNG por Ourense” afirmou.

Neste sentido, subliñou que a organización nacionalista non concorre a estas eleccións para ocupar un escano máis, senón para poñelo ao servizo da xente. “Queremos que cada voto ao BNG se traduza en máis oportunidades, mellores servizos públicos, infraestruturas dignas e futuro para os nosos concellos” sinalou, incidindo en que Ourense necesita representantes que coñezan o territorio, escoiten a súa veciñanza e traballen para conseguir solucións.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Presas contrapuxo a capacidade de negociación do BNG coa falta de resultados do bipartidismo que leva décadas alternándose no Goberno do Estado. “Levamos demasiado tempo escoitando promesas e vendo como Ourense queda para o final. Non chega con vir pedir o voto cada catro anos: hai que ir a Madrid, defender Ourense e conseguir compromisos e investimentos” manifestou.

A cabeza de lista insistiu en que o BNG será unha forza libre de ataduras, que non terá que pedir permiso a ningunha dirección estatal para defender as necesidades de Ourense. “Nós non imos a Madrid para obedecer, imos para negociar, conseguir e facer valer a voz da nosa xente. Cada avance que consigamos será un avance para Ourense” afirmou.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------