Presas comprométese a blindar e ampliar dereitos laborais fronte a ofensiva reaccionaria

---------------------------------------------------------------------------------------------------------
  • Defenderá a redución da xornada laboral a 35 horas sen perda salarial, recuperar os 45 por despedimento e reforzar a negociación colectiva
  • Presas reivindica o BNG como garante para frear os retrocesos -alertando da campaña do PP contra o dereito á baixa- e conseguir novos avances

Ourense, 23 novembro 2026. A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, mantivo un encontro con traballadoras e traballadores onde sinalou a necesidade de dar un novo impulso aos dereitos da clase traballadora e comprometeuse a levar ao Congreso unha axenda ambiciosa para mellorar as condicións laborais, recuperar dereitos recortados e avanzar cara a un emprego digno, estábel e seguro. Presas advertiu da ofensiva reaccionaria e conservadora do Partido Popular contra as conquistas laborais e reivindicou o BNG como garantía para frear os retrocesos e conseguir novos avances.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

No acto realizado polo BNG tamén participaron as candidatas da organización, Helena Añel e Melanie Arias.

“Estamos vendo como o Partido Popular quere abrir unha auténtica caza de bruxas contra todo traballador e traballadora que está de baixa laboral. Quere converter un dereito conquistado pola clase traballadora nunha sospeita permanente, como se enfermar fose unha fraude ou un privilexio” denunciou Presas.

A candidata nacionalista considera especialmente grave que o PP estea a confundir deliberadamente absentismo con baixas médicas e que, ao mesmo tempo, presione o persoal sanitario para acelerar as altas laborais. “O Partido Popular trata as traballadoras e traballadores como se fosen vagos e maleantes e as profesionais sanitarias como se fosen defraudadoras. Non imos permitir que se criminalice a quen enferma nin que se cuestione o criterio médico por intereses económicos ou empresariais”, afirmou.

Presas lembra que Galiza presenta unha das taxas de baixas laborais máis baixas do Estado, polo que considera que a campaña impulsada polo PP carece de xustificación e responde a unha orientación política de recorte de dereitos. “Se as baixas se alongan, o que hai que facer é reforzar a sanidade pública, reducir as listas de espera e garantir diagnósticos e tratamentos áxiles, non perseguir as persoas enfermas nin trasladar a responsabilidade aos profesionais sanitarios” subliñou.

Neste sentido, o BNG reclama reforzar a Atención Primaria, garantir que a decisión de conceder ou finalizar unha incapacidade temporal responda exclusivamente a criterios clínicos e limitar o poder das mutuas privadas, fronte á intención do PP de ampliar as súas competencias no control das baixas. “A saúde das persoas traballadoras non pode quedar subordinada aos intereses das empresas nin das mutuas. Se alguén está enfermo, ten dereito a recuperarse e a facelo con dignidade”, incidiu.

35 horas semanais, camiño das 32,5h/4días, e recuperación de dereitos laborais

Fronte a esta ofensiva reaccionaria, Noa Presas subliña que o BNG ten propostas concretas para que o crecemento económico se traduza en mellores condicións de vida para as traballadoras e traballadores. A organización nacionalista defenderá a implantación da xornada laboral de 35 horas semanais -camiño da implantación da xornada laboral de catro días e 32,5 horas- sen redución salarial, unha medida que debe permitir avanzar na conciliación, mellorar a saúde laboral e repartir de maneira máis xusta o tempo de traballo.
Entre as prioridades do BNG figura tamén a recuperación dos 45 días de indemnización por despedimento improcedente, o reforzo da negociación colectiva e a prevalencia dos convenios sectoriais e galegos fronte aos de empresa ou ámbito estatal.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


“Non pode ser que as empresas sigan tendo máis facilidades para despedir mentres as persoas traballadoras perden capacidade para defender os seus dereitos. Queremos recuperar garantías, fortalecer os convenios e avanzar nunha maior protección fronte á precariedade” destacou Presas.

A cabeza de lista por Ourense incide tamén na necesidade de avanzar cara a un Salario Mínimo Interprofesional que cumpra coa Carta Social Europea, situándose no 60 % do salario medio, e de reforzar os mecanismos de control da subcontratación para evitar que esta se converta nunha vía para precarizar as condicións laborais.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------