Sandiás encheuse de cores para educar na igualdade desde a infancia

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O PAI de Sandiás acolleu o contacontos “O Príncipe das Mil Cores”, unha actividade da Furgoteca que promoveu entre as crianzas valores de igualdade, diversidade e respecto

O PAI de Sandiás acolleu o pasado 23 de novembro o contacontos “O Príncipe das Mil Cores”, unha proposta educativa organizada pola Furgoteca e dirixida ás nenas e nenos do centro co obxectivo de traballar, desde a infancia, valores como a igualdade, a diversidade e o respecto.

A actividade comezou coa narración do conto “O príncipe azul”, de Kalandraka, presentado sen palabras e acompañado dunha historia que se foi construíndo ao longo da sesión. A través desta proposta, as crianzas puideron achegarse á narración dunha maneira participativa e creativa.

Posteriormente, as nenas e nenos participaron na elaboración dunha gran silueta dunha figura humana, empregando materiais de diferentes cores e texturas. Durante a actividade trasladouse unha mensaxe sinxela, pero fundamental: todas as persoas son diferentes e, ao mesmo tempo, todas son importantes.

Como resultado do traballo colectivo, as crianzas elaboraron un mural baixo o lema “Todas e todos somos diferentes, todas e todos somos importantes”, convertendo a actividade nun espazo de creación e reflexión compartida.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Ademais, os nenos e nenas recibiron unha chapa como recordo que leva por lema “Nin Unha Menos”, reforzando así a mensaxe de sensibilización e compromiso coa igualdade.

A iniciativa permitiu que as máis pequenas e pequenos xunto con educadores e familias se achegasen a valores como a igualdade, a diversidade e o respecto dun xeito lúdico, participativo e adaptado á súa idade, demostrando que a educación en igualdade pode comezar desde os primeiros anos de vida.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------