Deputación e Xunta reactivan o Plan “Ourense, a provincia termal” cara a etapa postcovid

Reunión Manuel Baltar (Presidenta da Deputación Ourense) con Alfonso Rueda Valenzuela (VicePresidenta da Xunta de Galicia) acompañados por Rosendo Fernández e Cesar Fernández Gil (VicePresidentes da Deputación Ourense), Nava Castro Dominguez (Directora de Turismo de Galicia) e Gabriel Alén Castro (Delegado da Xunta de Ourense).

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, acordaron hoxe reactivar a candidatura do plan “Ourense, a provincia termal” á convocatoria dos programas de sustentabilidade turística que a Secretaría de Estado de Turismo realizará no presente ano. Un plan termal que, cun financiamento de 3 millóns de euros, “permitirá relanzar un dos nosos sectores clave, nun momento no que o termalismo, ademais de auga e saúde, está chamado a ser un polo de atracción turística estratéxico para a nosa provincia”, subliñou Manuel Baltar. Unhas palabras ás que se sumou Alfonso Rueda destacando a necesidade de dar pulo aos recursos termais “xa que coa mellora das condicións sanitarias tamén imos asistir a un rexurdimento da actividade turística”. 

Baltar e Rueda fixeron estas declaracións logo da reunión de traballo que mantiveron no Pazo provincial e á que tamén asistiron a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, os vicepresidentes da Deputación, Rosendo Fernández e César Fernández, e o delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén. 

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente do goberno provincial lembrou que a Deputación vén de traballar coa Xunta de Galicia no ámbito termal desde 2014, a través dun plan de actuación no que xa están executadas o 75 % das accións previstas, “o que demostra que a cooperación está no noso ADN porque creemos que esa sinerxia entre administracións é básica”. Non obstante, “cómpre imprimir unha nova velocidade ao plan “Ourense, a provincia termal” e incluír algunhas novas actuacións con respecto ao plan presentado no pasado mes de agosto, porque ningunha provincia ten o peso de Ourense no ámbito termal e non só a nivel galego, senón nacional e mesmo europeo”. 

Baltar repasou algunhas das actuacións desenvolvidas ata o momento grazas “á permanente chamada á cooperación entre ambas as dúas administracións”, como o plan de termalismo social, os investimentos en infraestruturas termais -entre eles os traballos actuais de posta a punto do balneario novo de Berán no Concello de Leiro-, ou a mellora dos servizos que se prestan nas instalacións balnearias aos usuarios. 

Pola súa banda, Alfonso Rueda destacou “o decidido interese da Deputación de Ourense por dinamizar o termalismo como recurso turístico”, salientando o nivel de coordinación alcanzado entre ambas administracións para a convocatoria de 2021 dos programas de sustentabilidade turística que impulsa a Secretaría de Estado de Turismo. “Seguiremos apostando por un ámbito como o termalismo, que ademais de recoller outros valores, como natureza, tamén inclúe espazos abertos e saúde como recursos sanitarios”. 

No plan “Ourense, a provincia termal” tería cabida o futuro gran hotel balneario de Ourense, “a infraestrutura que precisamos para que a cidade teña a plena condición de capital termal, e estou convencido de que no Pazo Provincial atoparemos o caudal termal suficiente para converter este edificio nun balneario de referencia en Europa”, engadiu Manuel Baltar, anunciando que xa está encargado o anteproxecto das instalacións e que se están a manter contactos con inversores privados interesados nesta infraestrutura”. Un proxecto que para Alfondo Rueda, “daríalle un carácter máis ambicioso a un plan termal que aspira a lograr 3 millóns de euros de financiamento, dos que a Xunta de Galicia e o Estado aportarían o 45 % a partes iguais e o 10 % o Inorde”. 

Alfonso Rueda insistiu na importancia da colaboración institucional, lembrando que desde o minuto un da pandemia a Deputación de Ourense púxose a disposición da Xunta para, por exemplo, adquirir e repartir material sanitario “ou sendo a Deputación pioneira en apostar polos colectivos que peor o estaban a pasar, aprobando axudas directas a autónomos pemes e, agora, cofinanciando o bono turístico ou as axudas aos hostaleiros”. 

Unha cooperación que Manuel Baltar referendou aludindo a outras iniciativas nas que estivo presente a institución provincial como os investimentos nos accesos ao CHUO, o Centro Galego da Innovación da FP o parque acuático de Monterrei ou a prevención e loita contra os incendios forestais, “no que somos a única Deputación que acudiu á convocatoria feita pola Consellería de Medio Rural para a adquisición de maquinaria”. 

PUBLICIDADE